Home A Coruña O BNG critica que a Xunta devolva 22M€ de fondos da UE...

O BNG critica que a Xunta devolva 22M€ de fondos da UE cos que podería crear 3.400 prazas públicas de escolas infantís

- Anuncio -

Ariadna Fernández acusa o PP de preferir que Europa lles dea cartos para pagar as prazas nas privadas no canto de aumentar a rede pública

A deputada do BNG Ariadna Fernández recriminoulle á Xunta do PP que renuncie a 22 millóns de euros de fondos europeos que poderían investirse en aumentar o número de prazas públicas de escolas infantís. Non facelo, só confirma a súa “postura ideolóxica de gratuidade universal para todas as familias, iso si, desde a iniciativa privada”. “Vostedes pretenden que lles dean cartos para pagar as prazas nas privadas”, afirmou.

“Onde está a universalidade?” preguntou, cando se renuncia a de 2 de cada 3 euros destes fondos, mentres Galiza conta, segundo os datos da Consellería de Política Social, co 60% de escolarización.

O Goberno galego recibiu fondos europeos a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, con 34,85 millóns de euros asignados entre 2021 e 2023, destinados á creación de máis de 3.400 prazas públicas en escolas infantís no noso País. Non obstante, a Consellería de Política Social anunciou recentemente que devolverá 22,3 millóns de euros procedentes de fondos europeos destinados á creación de prazas públicas, deixando de executar máis da metade dos fondos asignados.

Fernández non entende que non se aproveiten os 34 millóns de euros que tiñan como finalidade a creación de prazas públicas de escolas infantís, nun contexto onde, advertiu, hai 10 nenos para cada 7 prazas”. “Dou por feito que coa crise demográfica que atravesamos, se queren actuar coma un goberno solvente, non se lle ocorren a ninguén pensar que sobran tres nenos senón que deberán asumir que faltan tres prazas”, ironizou.

Fixo fincapé en que, tal e como advirte o Consello de Contas, sen servizos, “é imposible que a xente quede no rural. Lembrou, así mesmo, que só 24 dos 313 concellos de Galiza teñen prazas abondo para cubrir a demanda, dos cales, en 17 hai máis de 5 nenos e nenas por praza.

Ademais de preguntarlle ao director xeral de Familia e Infancia, Jacobo Rey, polo número de prazas existentes en Galiza e cales delas son privadas, a portavoz de infancia do BNG tamén quixo saber cantas prazas de nova creación se poñerán a disposición cara ao curso 25-26. Na súa resposta, o director xeral falou de 1000 prazas, unha cifra que a deputada considerou excesivamente cativa posto que, só en Vigo, hai 500 crianzas esperando por unha praza.

Pero sobre todo, e tendo en conta a escaseza de prazas públicas nas escolas infantís en Galiza, a deputada nacionalista quixo saber por que se reintegran eses 22 millóns de euros que “poderiamos usar para crear prazas públicas para non ter que depender das prazas privadas, que nos custan en moitos casos 3 veces máis que as públicas”. Criticou que nos orzamentos de 2025 só aumentasen as contías destinadas a pagar o servizo de escolarización infantil que proporcionan as escolas privadas que, indicou, “son as que medran o seu negocio e as que máis caras nos saen ás galegas e aos galegos”.

Exemplificou coa súa comarca, Deza-Tabeirós-Montes, a diferencia de pagar arredor de 300 euros por unha praza privada cando, no caso das escolas de xestión pública, a Xunta págalle aos concellos 90 euros. “Non creo que fagan falta máis probas para evidenciar a súa intención de privatizar, cos correspondentes problemas que despois pagan as traballadoras polas condicións laborais nas que se encontran”, recriminou.

En Galiza existen máis de 550 escolas infantís, sumando as escolas públicas, privadas e de iniciativa social, que dotan ao noso País con 32.100 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos. Para a deputada, “non son abondas” para ofertar, coma se leva facendo dende a Consellería de Política Social, unha gratuidade universal neste servizo. Ademais, as listas de agarda para a admisión nas escolas infantís son moi numerosas e cada ano, crianzas galegas quedan fóra da dita gratuidade, comprometendo o tan limitado servizo de conciliación co que contamos os galegos e galegas, advertiu.

É por iso que, tal e como lembrou a deputada, o BNG leva presentadas 32 iniciativas referidas ás escolas infantís galegas desde o comezo da lexislatura, alertando da necesidade de dispoñer dun maior número de prazas de carácter público, e acusou o PP de votar en contra das propostas do Bloque porque “nin pensan nas crianzas nin nas familias. Se pensasen nelas aproveitarían os fondos europeos para crear máis prazas públicas de escola infantil”, recordando que hai 32.000 prazas para 63.000 crianzas, concluíu.

Relacionadas

Abegondo aproba por unanimidade os fondos do POS e a actualización do inventario

0
· Rexeitada a moción do BNG sobre a revisión do convenio do Deportivo ao lograr só o voto favorable do edil nacionalista O Concello de...

Secundino García solicítalle a Martina Aneiros actuacións “urxentes” no CPI de San Sadurniño

0
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, achegouse esta mañá até San Sadurniño para visitar as obras financiadas nas dúas últimas anualidades...

O pleno aproba por unanimidade o POS+ 2025, o novo Plan de Igualdade e...

0
Tamén se elevou a definitiva a aprobación da modificación da ordenanza municipal reguladora da corta e transporte da madeira de tala. No primeiro Pleno ordinario...

O Concello de Ribeira entrega as becas a deportistas individuais para fomentar hábitos saudables...

0
O Concello de Ribeira fixo entrega hoxe das becas a deportistas individuais, unha iniciativa que busca promover hábitos de vida saudables, apoiar economicamente a...

Inés Rey presenta un orzamento de 379 millóns de euros, cun Plan de Barrios...

0
A alcaldesa, Inés Rey, presentou hoxe as contas de cara a este exercicio, que se aprobarán mañá na Xunta de Goberno Local O Concello prevé...

Corte total de tráfico no tramo final da Avda. Santa Cristina por mor das...

0
Desde o día 30 de xaneiro e por un período de 2 meses, procederase ao corte total de tráfico do tramo final da Avda....

Publicacións Relacionadas