O proxecto de construción dunha macrofactoría de pasta de celulosa no concello de Palas de Rei, impulsada pola Xunta do PP e a empresa portuguesa Altri, acendeu todas as alarmas da sociedade galega cando se soubo que a empresa escollera Galiza para se instalar como segunda opción, unha vez que non lle era posíbel facelo en Portugal.
Nun primeiro momento presentouse este proxecto como unha iniciativa centrada na produción circular de fibras téxtiles, mais pouco despois púidose comprobar que o propósito real era a fabricación de pasta de celulosa soluble (máis do 70% da produción) destinada en gran parte á exportación.
Este proxecto industrial tería consecuencias devastadoras para o territorio e o medio ambiente, non só na comarca da Ulloa, senón tamén en toda a Ría de Arousa e nas localidades que se abastecen do río Ulla.
A extensión da factoría, que ocuparía 366 hectáreas e que prevé a ocupación de case un millón e medio de metros cadrados, incluíndo unha cheminea de 75 metros de altura, tería un impacto paisaxístico irreparábel.
A nova factoría requiriría inxentes cantidades de auga do río Ulla e provocaría vertidos de augas residuais altamente contaminantes, o que afectaría á calidade das augas e á biodiversidade tanto do Ulla como da ría de Arousa. A actividade económica e o emprego na zona tamén sufrirían un impacto negativo, que non se compensaría para nada coas promesas e cantos de serea da Xunta de Galiza sobre a posíbel creación de emprego desde empresa pasteira.
O mesmo acontecería coa economía e os sectores produtivos de toda a ría de Arousa, pois a vertedura de 30.000 metros cúbicos diarios de auga contaminada tería unha afección clarísima na calidade das augas dunha ría que xa está vivindo neste momento unha crise produtiva sen precedentes.
O impacto ecolóxico deste proxecto é alarmante, dado que a zona está en proceso de ampliación da Rede Natura 2000 e alberga hábitats e especies en perigo de extinción. As emisións contaminantes representarán un risco para a saúde pública, a calidade dos solos e o uso residencial na área circundante. Ademais, o proxecto ameaza a protección do Camiño de Santiago e outros bens culturais da contorna.
Unha nova pasteira no corazón de Galiza agravaría o grave problema que xa sofren os montes galegos, condicionando aínda máis a política forestal e afondando na expansión descontrolada do eucalipto, cando o que realmente se precisa é reverter a situación xerada polo modelo da Xunta do PP da man de ENCE na ría de Pontevedra.
A xunta de Galiza do PP vén de outorgarlle a este proxecto a autorización de impacto ambiental, consumando así unha traizón a Galiza sen precedentes, poñendo por diante dos intereses da sociedade galega os seus intereses propios e os dunha empresa portuguesa, da que, ademais, é socia a ex conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato.
A pesar disto, o proxecto de Altri aínda non conta coa luz verde ambiental. Faltan procesos decisivos como a Autorización Ambiental Integrada ou a concesión da captación de auga no encoro de Portomouros, entre outros. É agora cando máis cómpre que o conxunto da sociedade galega se mobilice e reitere o seu rexeitamento rotundo a un proxecto que atenta de forma clara contra a saúde e o futuro de miles de galegas e galegos.
Polo anteriormente exposto, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego someterá esta moción a debate e aprobación polo Pleno do concello de Oleiros propondo a adopción dos seguintes ACORDOS:
- Expresar a oposición da corporación á megacelulosa contaminante de Altri, dado que perpetúa un modelo de dependencia e explotación, fomenta a expansión da plantación de eucalipto e ocasionaría diversas repercusións negativas para todo o país, para as comarcas próximas á megafactoría, así como para o río Ulla e a ría de Arousa.
- Condenar a actuación da Xunta de Galiza neste proceso por antepoñer os intereses dunha empresa privada portuguesa aos intereses da sociedade galega.
- Solicitar ao Goberno do Estado que non traizoe a Galiza outorgándolle fondos públicos á empresa portuguesa Altri para a construción desta macrocelulosa en Palas de Rei.
- Instar ao goberno municipal a promover e facilitar cos medios ao seu alcance a asistencia da veciñanza ás convocatorias e mobilizacións sociais contra este proxecto
- Dar traslado destes acordos á Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado