HomeA CoruñaO BNG de Teo condena a actitude da alcaldesa de Teo no...

O BNG de Teo condena a actitude da alcaldesa de Teo no último pleno

- Anuncio -spot_img

O BNG de Teo condena con total rotundidade a actitude irrespectuosa e agresiva da alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, no pasado pleno municipal celebrado o mércores 27 de marzo. Durante a sesión, a rexedora realizou un xesto obsceno dirixido á concelleira do PCXT, María López, nunha mostra de comportamento impropia dun cargo público.


Desde o BNG consideramos que este tipo de actitudes son absolutamente intolerables nunha democracia e supoñen un novo exemplo da deriva autoritaria e prepotente da alcaldesa, que parece esquecer que a institución que preside debe caracterizarse polo respecto, a transparencia e o diálogo. A política municipal non pode converterse nun espazo de desprezo e violencia simbólica, menos aínda cando se trata dunha representante pública que debe dar exemplo á cidadanía.

Esiximos unha desculpa pública inmediata por parte da alcaldesa de Teo, así como un compromiso real para manter un comportamento digno e respectuoso nas sesións plenarias e no desenvolvemento da súa responsabilidade institucional. Actitudes como a manifestada no último pleno non só atentan contra a dignidade da concelleira afectada, senón que envilecen o debate político e deterioran a imaxe do Concello de Teo.


As e os teenses non merecen unha alcaldesa así.


O BNG reitera o seu compromiso cunha política baseada no respecto, no diálogo construtivo e na defensa dos valores democráticos. Non imos tolerar nin normalizar condutas autoritarias ou intimidatorias no seo da nosa corporación municipal e seguiremos traballando para que Teo sexa un concello onde vivir dignamente e libre de violencias.

Publicacións Relacionadas