Home A Coruña O BNG exixe á Xunta no Parlamento que remate dunha vez coa...

O BNG exixe á Xunta no Parlamento que remate dunha vez coa “situación demencial” dos centros de saúde de Ribeira e Aguiño

- Anuncio -

Rosana Pérez reclama o persoal médico que precisan os dous centros nun Pleno ao que asistiron un cento de veciños e veciñas e o alcalde ribeirán, Luís Pérez Barral

Afea a Gómez Caamaño que fíe a solución á voluntariedade dxs médicxs: “Se non hai voluntarixs, cal vai ser a súa próxima ocorrencia?”, cuestiona

O BNG exixiu no Parlamento ao Goberno do PP que remate dunha vez por todas coa “situación demencial” que viven os profesionais e os pacientes dos centros de saúde de Ribeira e de Aguiño dende hai meses, nun Pleno ao que asistiron un cento de veciñas e veciños acompañados do alcalde ribeirán, Luís Pérez, e que posteriormente mantiveron un breve encontro coa portavoz nacional, Ana Pontón, a deputada pola comarca, Rosana Pérez, autora da iniciativa parlamentaria, e as portavoces parlamentarias de Sanidade e Sanidade Hospitalaria, Montse Prado e Iria Carreira, respectivamente.

“Cando van ter Aguiño e Ribeira o persoal médico que necesitan e que lles corresponden?”, cuestionou Rosana Pérez nunha pregunta parlamentaria na que recriminou ao titular de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, a súa falta de compromiso na resolución dunha situación sanitaria que cualificou de “caótica”.

“Hoxe temos con nós a máis de 100 persoas de Aguiño e ao alcalde do concello de Ribeira, así que lle pedimos dúas cousas: primeiro, que sexa claro e, segundo, que teña o respecto e a educación con todos eles e con todos nós que non tivo a semana pasada en Vigo, cunhas declaracións bochornosas sobre as persoas maiores do noso País”, pediu a deputada nacionalista a Gómez Caamaño, en referencia ás súas desafortunadas palabras nunha conferencia celebrada na cidade olívica.

Pérez advertiu ao conselleiro que a falta de persoal médico que veñen padecendo os veciños e veciñas no concello “é insostíbel”, cun centro de saúde en Ribeira con máis de 20.000 pacientes que só ten dez médicos cando debía contar con 15, ou con mobilizacións semanais dende hai cinco meses en Aguiño porque non dispoñen de médico ou médica permanente en ningunha das dúas prazas que ten o seu centro sanitario.

“O único que soubo facer vostede dende outubro foi ‘vestir un santo para desvestir a outro’, movendo un médico de Ribeira para Aguiño, malia a situación extrema do ambulatorio de Ribeira”, afeou ao titular de Sanidade, ao que recordou que este facultativo ten que cubrir dous cupos de case 1.800 persoas, o que provoca unha espera para consulta a día de hoxe de 13 días en Aguiño e 15 en Ribeira.

A deputada nacionalista reprochou a Gómez Caamaño que non atendese os problemas da sanidade ribeirá senón que, ademais, non tivera tempo para recibir ao seu alcalde despois de múltiples solicitudes e mantivese un encontro cos veciños e veciñas de Aguiño, nada máis e nada menos que cinco meses despois das súas protestas.

Unha reunión na que, recalcou, o conselleiro “non se comprometeu a nada” e só supuxo “un intento máis” e “á desesperada” de desmobilizar ás persoas afectadas diante da manifestación prevista para o próximo día 15. “Mais isto tampouco o vai conseguir, a saúde é un dereito e están dispostos e dispostas a loitar por el”, advertiu.

Nesta liña, recalcou que, logo dun ano de lexislatura e o compromiso de Gómez Caamaño de reforzar a sanidade pública, a situación, lonxe de mellorar, empeorou no conxunto do País, tamén para a cidadanía de Ribeira e Aguiño. Por iso, fronte á promesa do titular de Sanidade aos veciños e veciñas de Aguiño de que non vai pechar o seu ambulatorio, “non nos fiamos”, afirmou, porque na pandemia o Goberno do PP pechou na comarca o de Cabo de Cruz e o de Taragoña e cinco anos despois, recordou, “permanecen pechados”.

“O único ao que se comprometen é a unha entelequia”

Pérez tamén lembrou que o Executivo que agora preside Alfonso Rueda tentou despois pechar o centro de saúde de Palmeira e ten o PAC da Pobra “mermado” e remitindo as urxencias a Ribeira, a un centro que “está totalmente colapsado”. “Agora o único ao que se comprometen é a unha entelequia: Aguiño terá médicos se hai voluntarios que queiran ir”, criticou, para lamentar a continuación que a Xunta fíe a solución a este colapso á voluntariedade de médicos e médicas.

“Vostede aínda é o conselleiro de Sanidade, non o xefe de Protección Civil; polo tanto, falar de voluntariedade é, como sempre, non comprometerse a nada”, reprochou ao conselleiro de Sanidade, ao que recordou que en novembro chegaron tres médicos a Ribeira dos que dous deles tan só estiveron uns días, algo que non conta aos medios de comunicación.

“E agora fía a cobertura das prazas de Aguiño á voluntariedade, malia que máis de 100 persoas se forman cada ano en Galiza como médicos e médicas de familia”, recalcou, en resposta ás escusas de Gómez Caamaño, quen reiterou na súa resposta o mantra habitual do PP de que a falta de médicos é un problema común no Estado e que a culpa é do Goberno central, apostando ademais por elevar a idade de xubilación das e dos facultativos.

“Médicos máis maiores, non máis médicos”

“Médicos máis maiores, non máis médicos, esa é a súa solución, señor conselleiro”, recriminou a deputada nacionalista, quen lle afeou ao titular de Sanidade que fale de voluntariedade cando o único que está a sacar adiante a sanidade pública no País é precisamente “a extraordinaria voluntariedade e dedicación do persoal, que é quen trata de garantir unha atención sanitaria digna á poboación mentres a consellería ou está á contra ou directamente non está”.

“E se non hai voluntarios, cal vai ser a súa próxima ocorrencia?”, cuestionou a Gómez Caamaño, a quen pediu que “fale en serio por unha vez” e lle diga aos veciños e veciñas “cando van ter Aguiño e Ribeira o persoal médico que necesitan e o que lles corresponde”, sen obter ninguha resposta concreta neste sentido por parte do conselleiro.

Relacionadas

Evacuado o alumnado do IES de Arzúa debido a un incendio no centro

0
Os bombeiros do parque provincial das Arzúa participaron esta mañá nun operativo provocado por un incendio nun dos aseos do IES de Arzúa. Parte do...

A Copa de Galicia de Kenpo Infantil se celebrará en Palmeira o vindeiro sábado...

0
Hoxe se presentou a Copa de Galicia de Kenpo Infantil que se celebrará o vindeiro día 15 de febreiro no pavillón Alcalde Torres Colomer...

O VI Certame “Dillo Ben Bonito” encara a súa recta final

0
• O prazo para presentar dedicatorias de amor remata o 12 de febreiro O Concello de Laxe recorda que o vindeiro 12 de febreiro finaliza...

A Banda Municipal de Música ofrecerá xunto a oito estudantes do Conservatorio Superior de...

0
Interpretaranse composicións de Strauss, Mozart ou Chapí A Banda Municipal de Música da Coruña actuará este xoves 13 de febreiro a partir das 20.00 horas...

Abe Rábade presenta este xoves ‘Tempo de cor’ no Teatro Principal

0
O pianista compostelán explora a forza evocadora da cor no seu décimo sexto traballo, na compaña de Pablo Martín Caminero ao contrabaixo e Bruno...

Un autobús coa imaxe de “Carballo levámolo dentro” percorre a partir de hoxe o...

0
O venres 14 estará estacionado na Praza do Concello e queremos conseguir a 365 persoas orgullosas de ser de Carballo para facer unha foto...

Publicacións Relacionadas