- O BNG entendeu que era preciso recabar o apoio do Pleno para salvagardar legalmente os intereses da veciñanza e da propia Administración municipal, fortemente danada na súa reputación polo proceder do Goberno Municipal.
- Catro sentencias xudiciais, dúas delas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, ratifican os informes negativos ao procedemento sancionador contra o xefe dos servizos de Obras e Urbanismo.
- Da actuación do Goberno municipal pode deducirse que a tramitación dos expedientes en Culleredo se rexe pola discrecionalidade dos responsábeis municipais, sen atender aos principios rectores da actuación da Administración.
O Bloque Nacionalista Galego de Culleredo conseguiu, no Pleno do pasado martes, a maioría suficiente para remitir á Fiscalía as actuacións do Goberno Municipal contra un funcionario, malia estar avisados pola Secretaría municipal das eivas do procedemento.
O Pleno contou cos habituais fallos técnicos na retransmisión cando se tratan temas delicados para o grupo de goberno, e coa ausencia, unha vez máis, do Sr. Alcalde, como ocorre tamén de xeito habitual nos múltiples actos do Concello. Nesta ocasión é aínda máis rechamante esta ausencia, pois no Pleno íase tratar a actuación do propio Alcalde e dunha concelleira do seu goberno nun asunto que pode acabar derivando na súa asunción de responsabilidades nun xulgado por un delito de prevaricación administrativa.
A moción do BNG foi aprobada cunha emenda referida a formalismos no texto realizada polo PP. Ten por obxecto a sanción imposta a un funcionario, xefe dos Servizos de Obras e de Urbanismo. O procedemento sancionador contaba dende un primeiro intre con informes desfavorábeis que foron ratificados en todos os seus termos até en 4 ocasións polos xulgados, incluído o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, este por partida dupla.
Á vista destes feitos parece evidente que a tramitación dos expedientes no Concello de Culleredo non respecta os procedementos legalmente establecidos, senón que se rexe pola discrecionalidade dos responsábeis municipais. O Goberno Municipal rompe cos principios rectores da actuación da Administración sen importarlle os prexuízos que poida xerar a súa actuación.
O BNG non pode ser cómplice deste tipo de actuacións, que alén dos prexuízos para o traballador implicado e do dano reputacional para o propio Concello, causaron demoras aínda maiores das habituais na tramitación dos expedientes das áreas de Urbanismo e de Medio Ambiente, Obras e Servizos, repercutindo estas demoras na veciñanza.
Para o voceiro nacionalista, Tono Chouciño, “tiveron a oportunidade de asumir responsabilidades políticas, a concelleira e o alcalde, pero non teñen a humildade necesaria para facelo senón que na antítese deso, teñen toda a soberbia para despreciala. O BNG defende os servizos públicos, por iso esixe a responsabilidade dos seus cargos”.



