O Centro Cultural Lustres Rivas ateigouse de xente este luns nun acto informativo organizado polo BNG para abordar os impactos ambientais e sociais que suporía a instalación da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, así como a posible reapertura da mina de cobre en Touro. O evento contou cunha destacada participación veciñal, o que evidencia o interese social que existe en coñecer de primeira man os efectos que estes proxectos poden ter sobre o medio ambiente e, especialmente, sobre a Ría de Arousa.
A concelleira do BNG en Ribeira, Antía Alberte, foi a encargada de abrir o acto, que contou coas intervencións de Alfredo Otero, vicepresidente da Asociación Pola Defensa da Ría (APDR); Olaia Ledo, responsable da área de ecoloxismo do BNG; Rogelio Santos, profesional do mar e creador de contidos dixitais; e Luís Pérez Barral, alcalde de Ribeira, que pechou o acto.
Os relatores coincidiron en sinalar que tanto o proxecto de Altri como a mina de Touro supoñen unha seria ameaza para os ecosistemas da comarca da Ulloa, o río Ulla e, por extensión, para a Ría de Arousa. Destacaron que esta ría, unha das máis produtivas en peixe e marisco de Europa, xa vén rexistrando nos últimos anos unha perda progresiva de produción e que calquera novo impacto ambiental podería agravar a situación de maneira irreversible.
Os poñentes manifestaron un rexeitamento claro e contundente ao proxecto de Altri, ao consideralo un modelo industrial alleo ao interese da maioría social galega, baseado na depredación do territorio e no beneficio dunha multinacional a costa dos recursos naturais do país. Advertiron que a instalación desta macrocelulosa suporía un consumo desmesurado de auga do río Ulla da que se abastece A Barbanza para a conserva e para o consumo humano, pero tamén suporía un aumento significativo de emisións contaminantes e a xeración de residuos industriais perigosos que porían en risco tanto o medio ambiente como a economía ligada ao mar e á terra.
Neste sentido, Olaia Ledo incidiu en que “Galiza non pode ser tratada como unha colonia industrial” e chamou á mobilización social para frear estes proxectos que hipotecan o futuro ambiental e económico do país. Pola súa banda, o alcalde Luís Pérez Barral puxo en valor o compromiso do BNG coa defensa da Ría de Arousa e coa promoción dun modelo de desenvolvemento sostible que respecte os recursos naturais e garanta o benestar das vindeiras xeracións.
O BNG salientou a importancia de manter informada á cidadanía e de continuar mobilizándose en defensa do territorio, do mar e dos sectores produtivos que dan vida e futuro á comarca, facendo un chamamento a participar nas accións colectivas que se están a organizar por toda Galiza contra os proxectos de Altri e Touro.