HomeA CoruñaO BNG leva ao Pleno a necesidade de reforzar Correos e implantar...

O BNG leva ao Pleno a necesidade de reforzar Correos e implantar o servizo Correos Pay para as parroquias de Ribeira

- Anuncio -spot_img

O Bloque Nacionalista Galego rexistra iniciativas no Concello e no Congreso para reclamar ao Goberno do Estado medidas para cubrir o persoal do servizo de Correos garantindo así un bo funcionamento.

Ribeira conta cunha poboación superior ás 27.000 persoas durante boa parte do ano, cifra que se incrementa notablemente nos meses de verán polo aumento da poboación flotante e do turismo. Porén, esta realidade non se ve reflectida na dotación de persoal do servizo de Correos, que actualmente sofre unha grave carencia de efectivos.

Tal e como explica o voceiro do BNG, Luís Pérez Barral, “dos quince postos de traballo que deberan estar cubertos en Correos en Ribeira, apenas arredor de oito persoas están en activo, porque non se cobren as baixas, as vacacións nin as vacantes. Isto está tendo consecuencias negativas para veciñanza e persoal traballador”.

Esta situación tradúcese en atrasos na entrega da correspondencia e da paquetaría, sobrecarga de traballo para o persoal e dificultades crecientes na atención á cidadanía. “Estamos a falar dun prexuízo directo tanto para as traballadoras e traballadores de Correos como para a veciñanza, o comercio e as empresas de Ribeira, que precisan dun servizo postal fiable”, sinala Pérez Barral.

Desde o BNG lembran que xa no ano 2022 se aprobaran por unanimidade no Concello de Ribeira iniciativas para mellorar o servizo de Correos, entre elas a ampliación do horario da oficina abrindo algunha tarde para atender á poboación ou ás empresas do municipio.

A nova iniciativa do BNG tamén insta ao Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible a manter aberta a oficina de Correos da parroquia de Aguiño no horario habitual, unha demanda clave para garantir a atención á veciñanza desta zona e evitar o feche dunha oficina que presta servizo ao rural.

Novos servizos nas parroquias

Por outra banda, o BNG propón que o Concello de Ribeira solicite a sinatura do convenio para implantar o servizo Correos Pay, que permitiría pagar tributos, taxas e impostos tanto na oficina de Correos como a través das carteiras e carteiros rurais no propio domicilio. “Este servizo non ten custo para o Concello e sería unha ferramenta moi útil para achegar os servizos públicos ao rural, especialmente para as persoas maiores ou con dificultades de mobilidade ou acceso dixital”, explica Pérez Barral.

Finalmente, desde o BNG subliñan que medidas como esta “van na liña de reforzar o papel público de Correos e mesmo de recuperar servizos financeiros públicos no rural, algo que xa existiu no pasado e que hoxe sería máis necesario ca nunca. O que pedimos é algo tan básico como que Ribeira teña un servizo de Correos á altura da súa poboación e da súa actividade económica. É unha cuestión de garantir o acceso aos servizos públicos”, conclúe Luís Pérez Barral.

Publicacións Relacionadas