HomeA CoruñaO BNG leva o futuro de Mugardos ao Parlamento de Galiza

O BNG leva o futuro de Mugardos ao Parlamento de Galiza

- Anuncio -spot_img

O Grupo Municipal do BNG de Mugardos canaliza as necesidades reais da veciñanza en cinco grandes emendas aos Orzamentos 2026 da Xunta, esixindo á administración autonómica que non abandone o municipio.

Mentres o debate político a miúdo se dilúe no ruído e na confrontación estéril, o BNG de Mugardos opta por un camiño de traballo metódico e sereno. O obxectivo non é outro que trasladar a realidade da rúa e as carencias históricas do municipio directamente aos centros de decisión, onde se debuxa o futuro económico de Galiza. Cinco grandes proxectos, froito de meses de escoita e diagnóstico, xa foron rexistrados polo Grupo Parlamentar do BNG en Santiago como emendas aos Orzamentos da Xunta de Galiza para 2026.

Evaristo Deus, resume esta estratexia como un acto de “liderado responsable” ante a inacción doutros: “O BNG de Mugardos non fai política de enfrontamento, fai política útil. A nosa obriga é levar a voz da veciñanza de Mugardos a onde se toman as decisións, e esixir á Xunta que trate ao noso pobo con dignidade e asuma o seu compromiso con proxectos que garanten un futuro estable para todos e calidade de vida para a veciñanza.”

As propostas teñen dous fíos condutores: a protección dos servizos esenciais e a recuperación do patrimonio como sinal de identidade.

Nun municipio que sofre a precariedade dos seus subministros, a proposta para o abastecemento de auga é crucial. O BNG pide incluír Mugardos no estudo comarcal que busca un novo sistema por gravidade desde As Pontes/A Capela. Trátase dunha medida que busca a seguridade hídrica e a eficiencia a longo prazo, algo fundamental para a saúde e o benestar.

Xunto a isto, e atendendo ás demandas diarias, a formación pon o foco na seguridade peonil. As emendas contemplan a mellora e ampliación das beirarrúas nas estradas autonómicas (AC-133 e AC-122). “Camiñar por Mugardos non pode ser un risco,” afirma Evaristo Deus. “É unha cuestión de xustiza social básica que os veciños poidan facer os seus desprazamentos diarios sen temer pola súa integridade. A seguridade da nosa xente é innegociable.”

O traballo do BNG tamén se centra na dignidade do patrimonio. O grupo municipal defende que a Xunta debe asumir a compra e rehabilitación da Casa Bello Piñeiro e da Casa da Serea, dous edificios que son símbolos da nosa identidade. A intención é devolvelos ao uso público, con fins culturais, sociais e turísticos. Unha actuación que o BNG considera esencial para a memoria colectiva.

Finalmente, a calidade de vida pasa por dotar ao municipio de infraestruturas modernas, coa petición do financiamento para un Pavillón Multiusos moderno e funcional.
Os deputados Ramón Fernández Alfonzo e Xosé Manuel Golpe xa rexistraron estas petición no conxunto das emendas aos orzamentos da Xunta de Galiza do ano 2026, asegurando que as necesidades de Mugardos terán o seu espazo no debate orzamentario. CITA (Ramón Fernández Alfonzo, Deputado BNG): “As propostas que nos trasladan dende Mugardos son proxectos maduros e realistas, que teñen unha utilidade directa para a veciñanza. A nosa obriga é facer presión para que o vindeiro ano a Xunta poña os cartos onde está a necesidade, e o noso Grupo non dará un paso atrás na defensa destes investimentos prioritarios para Mugardos.”

O BNG conclúe a nota cun chamamento sereno, pero firme, ao goberno municipal do PP, agardando que o interese do pobo prime sobre calquera disputa partidista. “O BNG seguirá traballando con rigor e serenidade. Agardamos que o Goberno Municipal se sume a esta defensa institucional e non use a súa posición para bloquear investimentos que benefician ao seu propio pobo,” remata Evaristo Deus.

Publicacións Relacionadas