O BNG mantén o seu apoio á veciñanza de Aguiño, que continúa mobilizándose en defensa da Sanidade Pública ante a grave situación que atravesa o consultorio da parroquia, onde desde o pasado mes de novembro unha das dúas prazas médicas permanece sen cubrir debido á baixa dunha profesional.
A formación nacionalista denuncia que, lonxe de mellorar, a atención sanitaria está a empeorar nas últimas semanas. De feito, está a ser habitual que haxa xornadas nas que o consultorio só conte cunha médica durante tres horas pola mañá, unha situación que está a provocar importantes dificultades para acceder á asistencia sanitaria.
Como consecuencia desta falta de persoal, hai persoas que non poden conseguir unha cita médica e outras vense obrigadas a agardar máis de quince días para seren atendidas polo seu médico ou médica de cabeceira, unha realidade que o BNG considera “absolutamente inaceptable” para un servizo público esencial.
A formación nacionalista advirte de que esta situación resulta aínda máis preocupante durante o verán, cando a poboación de Ribeira e Aguiño aumenta considerablemente pola chegada de turistas e persoas que regresan á localidade para pasar as vacacións. A isto súmase que parte do persoal sanitario tamén desfruta do seu período de descanso e que a Consellaría de Sanidade non está a cubrir esas ausencias, incrementando a presión sobre unha Atención Primaria que xa se atopaba nunha situación límite.
O exalcalde e portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, asegurou que “a realidade demostra que a Consellaría de Sanidade non ten ningún plan para garantir unha asistencia sanitaria digna á veciñanza de Aguiño. Mentres as necesidades asistenciais aumentan durante o verán, o Sergas reduce a capacidade dos centros de saúde de Ribeira e Aguiño ao non substituír as baixas nin as vacacións do persoal”.
Pérez Barral lembrou que “a Atención Primaria é a porta de entrada ao sistema sanitario e non pode seguir soportando esta situación de abandono. As listas de agarda para acceder ao médico de cabeceira son cada vez máis longas e iso supón un claro deterioro da calidade asistencial e un prexuízo para a saúde da cidadanía”.
O portavoz nacionalista reiterou o apoio do BNG ás mobilizacións veciñais e reclamou á Xunta que adopte medidas inmediatas para recuperar os dous facultativos que lle corresponden ao consultorio de Aguiño e garantir as substitucións necesarias durante o período estival. Dende o BNG lamentan que a alcaldesa de Ribeira non aproveitara a visita desta semana do conselleiro de Sanidade nin do presidente da Xunta para reclamar que se cubran todas as prazas de médicos na localidade, o que demostra que está máis interesada en non molestar aos seus xefes políticos que en defender os dereitos da veciñanza de Ribeira.
“Ter acceso á sanidade pública é un dereito esencial que está cada vez máis deteriorado por culpa dos recortes que aplica o Partido Popular dende a Xunta. A veciñanza de Ribera e Aguiño merecen unha atención sanitaria de calidade durante todo o ano e non imos deixar de reclamar os recursos que lle corresponden ata que esta situación se resolva porque nós si estamos defendendo os dereitos da veciñanza mentres outros calan e miran para outro lado”, concluíu Luís Pérez Barral.

