O BNG de Ribeira bota en falta unha resposta firme e decidida da Xunta de Galiza diante da grave situación que está a vivir o sector do transporte de viaxeiros por estrada na provincia da Coruña. Trátase dun conflito laboral que está precarizando os dereitos das persoas traballadoras pero tamén está tendo un impacto directo e moi negativo na vida cotiá de centos de usuarios e usuarias, especialmente en vilas e comarcas rurais como A Barbanza.
Desde finais de 2025, o sector permanece en folga debido ao bloqueo nas negociacións do convenio colectivo, caducado desde hai máis de catro anos e sen adaptación á normativa vixente en cuestións básicas como o control horario para evitar facer xornadas de 15 horas de dispoñibilidade ou a conciliación da vida laboral e familiar. O persoal das empresas reclama, entre outras cuestións, subas salariais xustas e melloras nas condicións das persoas acompañantes do transporte escolar.
O exalcalde ribeirense e portavoz nacionalista, Luís Pérez Barral, acompañado do responsable local Rafa Pazos e da concelleira Veva Betanzos, sinala que “estamos diante dun conflito enquistado pola falta de vontade da patronal, pero tamén pola absoluta pasividade da Xunta, que non pode seguir mirando para outro lado mentres se deteriora un servizo público esencial”.
A situación ameaza con agravarse aínda máis, xa que a folga podería converterse nun paro indefinido a partir do vindeiro 2 de febreiro se non se producen avances. Esta realidade xa está deixando estacións de autobuses practicamente paralizadas, con cancelacións e atrasos constantes que obrigaron a moitas persoas a “buscarse a vida”, e mesmo a escolares que tiveron que permanecer nos centros educativos ata que algún familiar puido recollelos.
“Acudir ao centro de traballo, ao médico ou simplemente baixar a Ribeira facer os recados está a converterse nunha misión imposible para moitas persoas que dependen exclusivamente do transporte público”, denuncia Pérez Barral, quen engade que “non é aceptable que familias, estudantes ou persoas maiores sexan as que paguen as consecuencias dun conflito que a Xunta ten capacidade de axudar a resolver”.
Desde o BNG, recollendo as numerosas queixas de usuarios e usuarias, considérase inadmisible que un servizo público esencial como o transporte en autobús funcione de maneira tan deficiente, con atrasos reiterados ou con servizos que directamente non pasan polas paradas previstas, xerando unha situación de indefensión para moita xente.
O BNG lembra ademais que nada se está facendo dende as institucións dirixidas polo Partido Popular, Concello e Xunta, e recrimina que a Xunta de Galiza non é só a administración reguladora, senón tamén a principal contratante dos servizos de transporte e inviste moitos cartos públicos en servizos que non están a facerse. “A falta de iniciativa da Xunta para activar unha mediación real, reactivar a mesa de negociación ou sancionar os incumprimentos das empresas é rechamante e tan só responde a unha xestión irresponsable”, afirma o portavoz nacionalista.
Ante esta situación, o BNG reclama que a Xunta de Galiza se implique directamente nas negociacións do convenio colectivo do transporte de viaxeiros por estrada e se promova unha solución dialogada que garanta melloras laborais e salariais dignas para as persoas traballadoras do sector. Pérez Barral afirma que se debe garantir o correcto funcionamento do transporte público para poder atender as necesidades da veciñanza, especialmente daquelas persoas que non dispoñen doutros medios de desprazamento.
“O transporte público é un dereito e un servizo básico para garantir a igualdade e a cohesión territorial, especialmente en comarcas e vilas como a nosa”, conclúe Luís Pérez Barral. “Desde o BNG estaremos sempre ao lado das traballadoras e traballadores e da veciñanza afectada, e seguiremos esixindo solucións inmediatas para evitar un maior deterioro da mobilidade e da calidade de vida en Ribeira e na contorna”.
Mellora da estación de autobuses
Dende o BNG informan que estaba previsto facer neste ano 2026 uns peches parciais para protexer das inclemencias meteorolóxicas aos usuarios e usuarias, unha actuación que non debe quedar truncada por levar adiante unha moción de censura interesada. “A estación de autobuses non conta cunhas condicións mínimas de confort e protección ante as inclemencias meteorolóxicas, por iso deben levarse a cabo estas obras para evitar que usuarios e usuarias teñan que agardar polos autobuses ao frío e á choiva, especialmente nos meses de inverno” concluíu Pérez Barral.



