O BNG reclama no Parlamento un plan de investimentos para uns portos de Ribeira que recibirán apenas 20.000 euros en 2027

Redacción

Rosana Pérez leva ao Parlamento galego unha iniciativa para esixir investimentos, mantemento, seguridade e o cumprimento dos compromisos adquiridos co sector do mar.

O Bloque Nacionalista Galego denuncia a falta de investimentos e de mantemento nos portos do municipio de Ribeira e considera que os orzamentos de Portos de Galiza para 2027 volven evidenciar a falta de compromiso da Xunta co sector do mar. A formación nacionalista critica que, para un concello que conta cun dos principais portos pesqueiros do Estado e cun dos puntos de descarga de peixe fresco máis importantes da Unión Europea, a previsión de investimento para o vindeiro ano non supere os 20.000 euros.

Recortes no mantemento de peiraos
A deputada do BNG no Parlamento galego, Rosana Pérez, anunciou a presentación dunha iniciativa parlamentaria para reclamar actuacións nos peiraos de Ribeira e denunciar a situación de abandono que sofren as instalacións portuarias. Pérez considera especialmente significativo que, malia a importancia económica e social destes portos, a Consellería do Mar e Portos de Galiza sigan sen dar resposta ás necesidades básicas de mantemento, operatividade e seguridade que lle reclama o sector.

A parlamentaria puxo como exemplo os investimentos previstos nos portos de Aguiño e Palmeira. No primeiro caso, dunha partida global de catro millóns de euros para mellorar a operatividade, unicamente se consignan 10.000 euros para a anualidade de 2027. No porto de Palmeira, onde está prevista unha actuación de urbanización por valor de 1,7 millóns de euros, a cantidade asignada para ese mesmo ano volve ser de apenas 10.000 euros. Rosana Pérez tamén advertiu do recorte de 3,5 millóns de euros na partida xeral da Consellería do Mar destinada a equipamentos portuarios, que pasa de 9,5 a 6 millóns de euros.

A iniciativa do BNG reclama catro medidas concretas: que Portos de Galiza cumpra a normativa vixente en materia de conservación e mantemento para garantir a seguridade das persoas usuarias; que desenvolva e execute, con dotación orzamentaria e un calendario definido, o plan de actuación acordado a comezos de 2025 no Consello Sectorial de Pesca de Ribeira; que se exima do pagamento das taxas portuarias ás persoas usuarias dos portos nos que non se estean prestando nin garantindo os servizos mínimos; e que se estableza unha folla de ruta conxunta co Concello e as confrarías para buscar alternativas diante da caída prolongada da actividade de descarga de túnidos no porto de Ribeira.

Unha Ribeira mellor, aposta polo mar
Pola súa banda, o exalcalde e portavoz municipal do BNG, Luís Pérez Barral, incidiu en que as cifras dos orzamentos teñen unha tradución directa na vida diaria dos profesionais do mar. “Estamos a falar de instalacións que utilizan os mariñeiros todos os días e que presentan deficiencias que ás veces poden supoñer riscos para traballar. As escaleiras de Aguiño están desfeitas, a rampla de Castiñeiras precisa actuacións e as escaleiras de acceso desde as embarcacións ao peirao de Ribeira están nunhas condicións que non ofrecen as garantías”, sinalou.

Barral tamén denunciou a situación do porto comercial de Ribeira, que considera que está perdendo a súa función como espazo operativo para a descarga de túnidos ao estar sendo utilizado como zona de almacenamento de embarcacións vellas e abandonadas. A esta situación súmase, segundo explicou, a falta de seguridade no peirao. Tras producirse esta semana intentos de roubo en embarcacións, o portavoz nacionalista lembrou que as cámaras de vixilancia levan anos avariadas.

O exrexedor tamén cuestionou que os anuncios realizados pola Xunta non se traduzan en actuacións. Como exemplo, lembrou que en xaneiro de 2026 se anunciou que a antiga lonxa se poñería a disposición das redeiras do municipio, pero o edificio continúa abandonado e os redeiros á intemperie. Unha situación que, ademais, se ve agravada polo conflito aberto esta mesma semana coa Festa da Dorna e a súa Confraría, ás que Portos de Galiza reclamou o desaloxo inmediato do local que utilizan nese inmoble.

“É difícil entender que Portos de Galiza sexa tan rigoroso á hora de cobrar as taxas portuarias aos mariñeiros e aos establecementos hostaleiros que teñen terrazas no espazo portuario e, pola contra, non teña a mesma dilixencia para manter as instalacións, reparar as infraestruturas ou garantir a seguridade”, afirmou Barral. Neste sentido, criticou os obstáculos que, ao seu xuízo, se están poñendo á actividade económica do sector do mar pero tamén a celebracións profundamente vinculadas á identidade de Ribeira, como a Festa da Dorna.

Por último, Luís Pérez Barral responsabilizou o Partido Popular da deterioración das infraestruturas portuarias e criticou a actitude de María Sampedro “máis interesada en facerse fotos” que en defender con firmeza os intereses do municipio. “Ribeira precisa que se defenda o sector do mar, os seus profesionais, as confrarías e tamén a industria conserveira. Non abonda con anuncios e fotos pero vemos unha alcaldesa que defende as siglas do PP por riba de todo aínda que iso sexa prexudicial para Ribeira. Por iso, desde o BNG imos seguir acompañando o sector do mar, escoitando as súas demandas e levando as súas reivindicacións alí onde sexa necesario porque unha Ribeira mellor tamén se fai coidando do mar e das persoas que viven del”, concluíu.

Comparte este artigo