O BNG sitúa as grandes transformacións de Santiago acadadas durante a primeira metade do mandato fronte ao discurso destrutivo da oposición

Redacción
Lectura mínima de 8

Goretti Sanmartín e Míriam Louzao lamentan que o PP use á Xunta como ferramenta electoral contra o goberno da capital de Galiza

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, afrontou hoxe o segundo debate do estado do municipio deste mandato no que se converteu na primeira muller, e muller nacionalista, á fronte da Alcaldía da capital da Galiza. Tras dous anos e medio á fronte do goberno de Compostela, o Concello iniciou grandes transformancións estruturais cun obxectivo final: mellorar a vida da veciñanza. Fronte ao catastrofismo, loias e unha ficción que non se corresponde coa verdadeira Compostela, a alcaldesa convidou a repasar os fitos do gobierno no último ano e fixou retos de futuro. Pola súa parte, a voceira do BNG no Pazo de Raxoi e portavoz do goberno, Míriam Louzao, destacou que fronte ás fake news e o afán de bloqueo por parte do PP, este goberno sacou adiante importantes medidas.

Goretti Sanmartín fixo un repaso polos principais fitos que acadou este goberno fronte á visión do PP catastrofista e de ficción que non se corresponde coa realidade. O 2025 foi un ano clave para avanzar no modelo de cidade que defende o BNG, máis xusto, sustentable, e pensado para as vindeiras xeracións. Entre os fitos acadados salientou a implantación da recarga ao imposto de estadías turísticas, a culminación da poxa de inmobles do Rexistro de Soares e o impulso de proxectos estratéxicos como o Conector Central, a transformación do Ensanche e da zona norte, o novo contrato de transporte ou o modelo renovado de comedores escolares con produto de proximidade. Sanmartín Rei tamén subliñou que o obxectivo é mellorar a vida da veciñanza con políticas estruturais, sen desatender as necesidades do día a día.

A rexedora municipal puxo en valor a aposta pola participación, coa creación de novos espazos como os Consellos Municipais e a Mesa Sectorial de Vivenda, nun momento no que Santiago supera os 100.000 habitantes. Fronte á polarización e á desinformación, a alcaldesa reivindicou Compostela como cidade de acollida, cohesionada e orgullosa do seu modelo propio. E defendeu unha acción política “en voo alto”, orientada ao medio e longo prazo, consciente de que as transformacións profundas requiren tempo, mais convencida de que o rumbo é o correcto.

No eido urbano e da vivenda, a rexedora municipal reafirmou o seu compromiso cunha cidade pensada para as persoas, reducindo o protagonismo do coche, protexendo o comercio de proximidade e favorecendo o uso residencial das vivendas fronte á especulación. Entre outras cuestións, destacou a modificación do Plan Especial da Cidade Histórica, as bonificacións fiscais para vivenda protexida e cooperativas en cesión de uso, a recarga do IBI para vivendas baleiras e os pasos dados para declarar Santiago como mercado residencial tensionado.

Goretti Sanmartín defendeu tamén os avances en memoria histórica (coa recuperación tras un longo percorrido das estatuas do Mestre Mateo), en cultura, deporte, igualdade e rural, así como investimentos por valor de 12 millóns de euros en obras. Ademais, tamén destacou 8,7 millóns de euros captados de fondos europeos para o proxecto Horizonte Compostela, o goberno municipal reafirma a súa vontade de liderar unha transformación integral que consolide unha Compostela máis habitábel, feminista, verde e con futuro.

A rexedora compostelá, que ostenta as competencias plenas de Igualdade, salientou o reforzo das políticas feministas, a ampliación dos servizos da Casa Xohana Torres coa atención e asesoramento de LGBTIQ+ e a aposta pola sustentabilidade ambiental, coa promoción da compostaxe e novas infraestruturas de reciclaxe.

Intervención da portavoz do Goberno Municipal.

Pola súa parte, Louzao defendeu que o BNG culminou a regulación das vivendas de uso turístico e está actuando desde a disciplina urbanística, reivindicou o impulso á declaración de zona de mercado residencial tensionado e a protección dos usos comerciais e habitacionais fronte á especulación e mantivo unha defensa firme do imposto ás estadías turísticas, que propiciou que agora sexa unha realidade o imposto autonómico. “O 2025 quedará na historia como o ano en que Santiago puxo en marcha o imposto ás estadías turísticas”, agregou a tamén concelleira de Turismo, quen evidenciou a falisdade das acusacións reiteradas de falta de diálogo co sector. “Houbo reunións, houbo convocatorias formais, houbo actas e houbo transparencia. A realidade é teimuda, por moito que algúns repetisen unha mentira durante meses”, sentenciou.

O PP utiliza a Xunta como ferramenta electoral

Na súa intervención, Louzao denunciou tamén o papel do Partido Popular e da Xunta de Galiza, aos que acusou de actuar “máis como ferramenta electoral contra o goberno de Goretti Sanmartín que como institución ao servizo da capital do país”. Lembrou que o presidente da Xunta só recibiu unha primeira vez á alcaldesa e non atendeu o compromiso de facelo de novo para abordar outros asuntos, nomeadamente, o Estatuto da Capitalidade.

A portavoz do BNG puxo en valor medidas a medio e longo prazo que se están a impulsar e defendeu que este é o goberno do Conector Central, a transformación do Ensanche, a infraestrutura verde, a mobilidade sustentable, o redeseño da iluminación da contorna da Catedral, o impulso ao Servizo de Asesoramento LGTB+, o reforzo das políticas de conciliación, dos orzamentos sociais e das melloras nos equipamentos deportivos.

“É este goberno, que vostedes tanto insultan e tanto menosprezan gratuitamente, o que ten a fortaleza e a altura de miras suficiente para non entrarlles ao xogo enleando na lameira na que queren converter este pleno municipal e a política local. O que fronte a iso segue a traballar sen deixarse enredar polo barullo”, espetou Louzao no debate.

A portavoz do goberno asegurou que este goberno “acredita na veciñanza compostelá e no convencemento do que o peor que lle pode pasar a este Concello é volver ter un goberno de venderores de fume que non teñen máis proxecto que chegar á alcaldía, como ocorreu no pasado e cuxo despropósito institucional e de xestión permanece como unha gran mancha na historia deste país”.

Comparte este artigo