O BNG presenta unha proposta co obxectivo de impulsar unha actuación de mellora na rúa Sorribas, atendendo así de forma directa ás demandas transmitidas polos veciños e veciñas da zona. A formación nacionalista aposta por realizar una actuación que remate co deterioro que sofre este espazo logo de décadas de falta de mantemento continuado, unha situación que dificulta a mobilidade e xera inconvenientes diarios tanto para os peóns como para o tráfico rodado.
O exalcalde e portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, e a concelleira Antía Alberte que estiveron na zona propoñen a realización dunha valoración técnica para, a continuación, proceder á renovación completa do firme e á eliminación definitiva das fochancas. Do mesmo xeito, a proposta inclúe a necesidade de reforzar de maneira inmediata a limpeza viaria cun mantemento frecuente e axeitado que evite a acumulación de residuos, garantindo un espazo público limpo e seguro. “Esta nova actuación daría continuidade ao traballo ás propostas que facemos ou que deixamos planificadas para outras zonas do centro urbano, como as rúas Barreira ou a avenida de Ferrol”.
Investimento nas prioridades da xente e continuidade a un modelo de vila pensada para as persoas
Dende o BNG salientan que as carencias actuais non xorden dun día para outro, senón que son consecuencia de moitos anos nos que o Partido Popular deixaron insuficientemente dotadas as partidas de conservación para destinar os recursos a grandes obras. Esta tendencia comezou a reverterse co goberno encabezado por Luís Pérez Barral, un período de dous anos e medio no que se incrementaron progresivamente os investimentos en pavimentación e seguridade viaria, demostrando que gobernar significa escoitar e actuar pensando sempre no ben común. “Grazas a esa xestión honesta e rigorosa, fomos capaces de investir máis de cinco millóns e medio de euros nas parroquias para ampliar servizos básicos e deixáronse consignados outro millón e medio de euros para actuacións que se desenvolven ao longo deste ano 2026” argumentou Pérez Barral.
A mellora proxectada para a rúa Sorribas súmase a unha longa listaxe de intervencións deseñadas polo goberno de Pérez Barral como as pavimentacións xa ralizadas nas rúas Rodríguez Bautista (Ribeira), Castelao (Aguiño), Muíños (Oleiros) Revolta e Fonteseca (Castiñeiras), ás que se unirán proximamente os traballos previstos en Buenos Aires (Corrubedo) e Agriña (Palmeira).
Pérez Barral móstrase optimista co avance do traballo que fai o BNG e quixo poñer en valor o compromiso con mellorar a calidade de vida dos barrios e parroquias de Ribeira. “Gobernar é escoitar e actuar pensando nas prioridades da xente. O obxectivo prioritario do BNG segue a ser “investir na xente con sentido común, atendendo as demandas directas da veciñanza e traballando sempre en positivo para seguir construíndo esa Ribeira en grande”.

