HomeA CoruñaO BNG urxe medidas inmediatas para atallar a situación crítica da sanidade...

O BNG urxe medidas inmediatas para atallar a situación crítica da sanidade pública en Ribeira e Aguiño

- Anuncio -spot_img

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego en Ribeira, Luís Pérez Barral, compareceu esta mañá acompañado do responsable local, concelleiras e militantes do BNG, para alertar da “situación crítica” que atravesan os centros de saúde de Ribeira e Aguiño por falta de persoal médico, e para reclamar á Consellería de Sanidade unha resposta inmediata ás necesidades da veciñanza.

Pérez Barral lembrou que, unha semana máis, o BNG se suma ás mobilizacións cidadás fronte aos centros de saúde. “Dende o Bloque imos estar sempre ao lado da veciñanza denunciando como a Consellería de Sanidade non está atendendo as peticións de Ribeira para dotar de médicos os centros de saúde do municipio”, afirmou.

Aguiño sen facultativos
O portavoz subliñou a gravidade da situación en Aguiño. “A situación é especialmente alarmante no caso de Aguiño, onde os dous únicos facultativos que ten o seu centro de saúde non teñen ningún en activo e, por tanto, os veciños e veciñas carecen de atención sanitaria durante todo o mes de decembro”. Advertiu ademais de que esta carencia se produce “en épocas de especial incidencia da gripe, onde os centros de saúde rexistran unha afluencia maior de doentes chegando ao punto de estar ateigados ou tendo que acudir a urxencias do punto de atención continuada de Ribeira ou ás urxencias do Hospital da Barbanza”.

Veciñanza mobilizada e médicos que foxen de condicións precarias
O exalcalde ribeirense destacou a perseveranza da cidadanía, que leva meses mobilizándose semanalmente. “Dende hai moitos meses a veciñanza de Ribeira estase manifestando semanalmente nos centros de saúde tanto de Ribeira como de Aguiño para demandar algo que lles pertence como dereito, que é unha atención sanitaria básica para toda a poboación”.

Criticou que, lonxe de atender estas peticións, o goberno galego, en mans do PP, responda rexeitando propostas de mellora. “O goberno galego non está atendendo as peticións que lle fai a propia veciñanza ou os profesionais, e por riba vota en contra de iniciativas como as do Bloque Nacionalista Galego con emendas aos orzamentos da Xunta para 2026, coa finalidade de dotar de médicos suficientes os centros de saúde da Barbanza”.

Sobre a falta de profesionais alegada pola Xunta, Pérez Barral foi claro: “É falso o que di o conselleiro de Sanidade cando afirma que non hai profesionais sanitarios”. Apuntou que “só na área sanitaria de Compostela, entre 2023 e 2025, remataron o MIR 65 médicos dos que tan só 17 quedaron en Atención Primaria por mor das malas condicións que padecen con contratos por horas, gardas obrigatorias, etc. Polo tanto, médicos hainos o que pasa é que foxen desas condicións precarias e dunha saturación de pacientes por cada profesional sanitario”.

Críticas ao goberno municipal do PP por “abandonar á veciñanza”
O portavoz nacionalista tamén se referiu ao papel do novo goberno municipal. “Dende Ribeira, os veciños e veciñas que se concentran cada semana están facéndoo sen a axuda do goberno municipal, unha cuestión ben diferente a cando nós estabamos gobernando, que eu como alcalde si baixaba ás concentracións e defendía os veciños e veciñas por riba de siglas partidistas”. Pérez Barral censurou a actitude da alcaldesa. “Mentía cando dicía que non acudía porque tiña traballo pero agora vese claramente que prefire darlle as costas aos veciños e veciñas de Ribeira para defender os intereses do Partido Popular. Entre Partido Popular e veciñanza, a alcaldesa, María Sampedro, escolle sempre os intereses do Partido Popular”.

Concluíu advertindo: “Ante toda esta situación, dende o BNG volveremos levar ao Parlamento novas iniciativas para esixir a dotación inmediata de persoal médico nos centros de saúde de Ribeira e Aguiño. Comprometémonos, ademais, a seguir ao lado da veciñanza, apoiando as mobilizacións e defendendo o seu dereito a unha sanidade pública digna e de calidade”.

Publicacións Relacionadas