HomeA CoruñaO Carreiro de Saldoiro recibe, por decimotercer ano consecutivo, o distintivo "Carreiro...

O Carreiro de Saldoiro recibe, por decimotercer ano consecutivo, o distintivo “Carreiro Azul”

- Anuncio -spot_img


O tramo do paseo marítimo de Caión comprendido entre a praza Eduardo Vila Fano e o arroio Figueirido, o Carreiro de Saldoiro, volverá lucir un ano máis a bandeira “Carreiro Azul”, o distintivo que concede a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC). Trátase do decimotercer ano consecutivo no que recibe este recoñecemento ambiental.

O xurado do programa Carreiros Azuis acaba de facer públicos os galardóns correspondentes a 2026, no que se concederon 194 distintivos en toda España. Galicia suma 72 carreiros recoñecidos pertencentes a 33 municipios, dos cales 9 están situados na provincia da Coruña.

ADEAC recoñece así o valor ambiental, paisaxístico e educativo do itinerario de Caión, un percorrido litoral de 1,5 quilómetros que bordea a costa desde a praza Eduardo Vila Fano ata o arroio Figueirido, consolidado como un espazo de referencia tanto para acceder a pé ao areal como para a interpretación do medio natural, a práctica de actividade física e o lecer ao aire libre.

A obtención do Carreiro Azul supón un importante aval ao traballo continuado do Concello na conservación e posta en valor da contorna costeira. Este espazo mantense baixo seguimento e coidado permanente ao longo de todo o ano, intensificándose as tarefas de mantemento e acondicionamento coa chegada da primavera, coincidindo co incremento de visitantes e a actividade turística.

Desde o punto de vista institucional, renovar o Carreiro Azul constitúe un dobre recoñecemento: por unha banda, avala o compromiso municipal coa protección ambiental e a xestión sostible do litoral; por outro, reforza a proxección turística de Caión como destino vinculado á natureza, a calidade paisaxística e a actividade ao aire libre. Nun contexto no que o turismo responsable gaña peso, contar cun distintivo estatal consolidado convértese nun elemento diferenciador e nun selo de confianza para visitantes e usuarios.

O acto oficial de entrega das bandeiras terá lugar o próximo 6 de marzo no Castillo de Cullera, en Valencia, onde se reunirán representantes dos municipios distinguidos, entre eles A Laracha.

Ademais, o Concello presentou novamente #ante ADEAC as candidaturas para que a praia de Caión revalide este verán a Bandeira Azul e para que o Centro de Interpretación dos Molinos de Auga da Costa da Morte de Golmar manteña o distintivo de Centro Azul de educación ambiental, co obxectivo de continuar consolidando o municipio como referente en calidade ambiental e servizos vinculados ao litoral.

Publicacións Relacionadas