Home A Coruña O centro A Fusquenlla poderá visitarse durante a feira de Moeche deste...

O centro A Fusquenlla poderá visitarse durante a feira de Moeche deste sábado e nas do mes de novembro

- Anuncio -

O Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla, situado na antiga nave dos queixos de San Ramón, inicia estes días unha campaña cofinanciada por Medio Rural para darse a coñecer entre as pequenas explotacións e particulares dos catro municipios que promoven o proxecto: Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño. Hai uns días publicouse a web da iniciativa, onte mesmo tocoulle a unha pequena peza audiovisual sobre o centro e esta semana comeza o ciclo itinerante de demostracións do cociñeiro Antonio Díaz ao redor do potencial culinario e económico das conservas elaboradas con produto de proximidade. Ademais, as instalacións d’A Fusquenlla tamén se poderán visitar na feira deste sábado 23 de outubro e nas do 11 e o 23 de novembro. Nesas tres datas haberá instalado un posto informativo na Nave do Mercado onde anotarán para dous percorridos guiados, un ás 11:00 e outro ás 12:00h, que se farán en grupos de como máximo 10 persoas.

A Fusquenlla é un centro de apoio ao desenvolvemento rural orientado á transformación alimentaria de produtos do agro. Trátase dun espazo para a elaboración de conservas vexetais de horta e froita, cogomelos, zumes, marmeladas, extracción e envasado de mel, etc. As pequenas explotacións e particulares da comarca poderán procesar aquí as súas colleitas, xa sexa para autoconsumo ou para dárlle saída aos excedentes, coa finalidade de complementar as economías familiares e a xerar oportunidades de desenvolvemento no territorio.

O proxecto é resultado da colaboración entre os concellos de Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño con axuda do Programa Leader-Seitura 22, da Deputación da Coruña e da Consellaría do Medio Rural, quen financia agora o plan de difusión co que se pretende informar á veciñanza dos catro municipios sobre o propio centro e sobre as grandes posibilidades dos produtos da terra conservados.

Neste sentido, o programa de dinamización do centro de apoio ao medio rural inclúe unha serie de demostracións ao vivo dirixidas polo cociñeiro Antonio Díaz, responsable nos últimos anos de varias iniciativas hostaleiras que apostan polo produto de proximidade.

A primeira das charlas desenvolverase este venres na Casa da Cultura de San Sadurniño a partir das 18:00h. As seguintes citas -tamén en venres e á mesma hora- terán lugar na Casa da Cultura de Valdoviño o 29 de outubro, na Nave do Mercado de Moeche o 12 de novembro e na Casa da Cultura de Cerdido o 19 de novembro, intercalando entre elas -o 5 de novembro- unha visita a outro centro similar situado no concello coruñés de Brión, pertencente igual que A Fusquenlla á Rede de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña.

As charlas teñen un cupo limitado a 25 persoas, polo que fai falla anotarse previamente a través deste formulario en liña, que pechará dous días antes de cada cita. Desta maneira, este mércores finaliza o prazo de inscrición para o showcooking de San Sadurniño, aínda que hai posibilidade de seguir apuntándose para os que se celebrarán nos outros municipios até esgotar as prazas.

Ao longo deste calendario, o chef falará sobre o potencial culinario do produto local conservado, preparando durante as sesións distintos pratos e incidindo no alto valor engadido que teñen este tipo de elaboracións que en breve tamén se poderán facer co equipamento dispoñible n’A Fusquenlla.

Alén de dar a coñecer os obxectivos d’A Fusquenlla e as posibilidades da preservación de zumes e outros produtos da terra, o plan de difusión tamén pretende propiciar o encontro entre persoas da zona interesadas en utilizar as instalacións cando entren en funcionamento.

Para coñecer máis en detalle que é A Fusquenlla, os catro concellos promotores -Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño- publicaron hai escasos días a web www.afusquenlla.gal, na que pode facerse un percorrido fotográfico e audiovisual por unhas instalacións cofinanciadas con fondos provinciais e do programa Leader Seitura 22.

Visitas guiadas os días de feira en Moeche
Porén, quen queira visitalas en persoa terá oportunidade de facelo xa este sábado 23, día de feira en Moeche. Na Nave do Mercado estará instalado un posto informativo onde apuntarán para facer dous percorridos guiados polas dependencias d’A Fusquenlla, un ás 11:00h e outro ás 12:00h.

As visitas, en grupos de 10 persoas, repetiranse cos mesmos horarios nas feiras do 11 e do 23 de novembro, así como ao remate do showcooking que se celebrará en Moeche na tardiña do día 12.

Relacionadas

O Concello impulsará obras para mellorar as redes de saneamento en Abegondo, Cabanas, Limiñón...

0
• O pleno ratificou, esta mañá, unha das próximas actuacións, que levará a cabo en Ou Asadiño. O Concello continuará mellorando as infraestruturas e servizos...

O Concello convoca este xoves a Comisión mixta de Peleteiro para dar conta do...

0
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, anunciaron esta mañá a convocatoria da Comisión Mixta Peleteiro para este...

As obras de mellora da estrada entre O Igrexario de Golmar e San Pantaión...

0
O proxecto estará valorado en 106.000 euros. O alcalde José Manuel López Varela, xunto ao concelleiro de Obras Públicas, Pablo Cambón, o director de obra...

O Concello de Oleiros oferta postos libres no mercado de Perillo a baixo prezo

0
O Concello de Oleiros dispón de varios postos libres no mercado municipal de Perillo para todas aquelas persoas autónomas ou empresas que queiran dispoñer...

O Concello de Oleiros solicita con urxencia á Xunta de Galicia a cesión do...

0
Debido ao deterioro paulatino e constante do Porto de Santa Cruz causado polos múltiples temporais e á inacción da Xunta e do Ministerio a...

A comisión de festas de Santa Isabel tamén organiza un xantar popular

0
A parroquia de San Sadurniño honrará a súa patroa a primeiros de xullo tras catro anos sen festas Ademais desta comida, no municipio hai programadas...

Publicacións Relacionadas