HomeA CoruñaO Centro Xove da Almáciga segue apostando pola participación da mocidade na...

O Centro Xove da Almáciga segue apostando pola participación da mocidade na programación do novo curso

- Anuncio -spot_img

O Centro Xove de Creación Cultural ofertará no curso que 2025-2026 unha vintena de actividades permanentes relacionadas coa música, o deseño, a tecnoloxía ou o benestar. A elas engadiranse propostas específicas cada trimestre, dez de aquí a finais de ano, así como outras iniciativas vinculadas aos locais de ensaio ou organizadas por diferentes colectivos usuarios do equipamento da Almáciga. Todo, co obxectivo de que o Centro Xove “confirme o seu papel como espazo referencial para os mozos e mozas de Santiago”.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou hoxe a programación do Centro Xove para o novo curso, acompañada por Manuel Fernández, técnico do departamento de Mocidade, e por María Alonso, xestora cultural do Centro Xove. A tenenta de alcaldesa salientou que a programación “combina as propostas lúdicas coas culturais, ofrece unha alternativa de ocio saudable e procura a integración social e a participación dos mozos e mozas”. Ademais, explicou que a programación “é flexible, iráse adaptando ao longo do curso ás necesidades e aos intereses que vaian mostrando as persoas usuarias”. María Rozas apuntou que na programación “vese reflectida tamén a importancia que teñen os locais de ensaio na vida do Centro Xove, con moitas actividades pensadas especialmente para as bandas e artistas e co obxectivo de seguir promocionando o talento local”. A concelleira mostrouse convencida de que “esta programación supón un salto de calidade, e é o reflexo do esforzo orzamentario que fixemos no novo contrato de xestión do Centro Xove, que incrementou o seu presuposto anual en máis dun 50%”.

Pola súa banda, María Alonso explicou que “máis do 50% das actividades xorden do programa Participa!, que ten en marcha o Centro Xove para recoller e impulsar os proxectos da propia mocidade”. A xestora cultural salientou tamén as propostas vinculadas coa música, “aproveitando o xiro que deu o equipamento desde a apertura dos locais de ensaio, e que nos están servindo para atraer usuarias que despois participan noutras actividades diversas alén das musicais”.

Actividades anuais

Ao longo do curso, o Centro Xove acollerá un total de 20 actividades permanentes anuais. Unha das máis novidosas é a “Aceleradora de proxectos musicais”, un programa que permitirá que as bandas residentes da Almáciga se posicionen na industria musical e adquiran os coñecementos necesarios para participar nos diferentes concertos impulsados desde o departamento de Mocidade. Para iso, ao longo de tres meses os grupos participantes recibirán formación en cuestións que van desde o modelo de negocio e o desenvolvemento da imaxe de marca ata a escenografía, o vestiario, ou a xestión do público, pasando polas claves da gravación en estudo ou os dereitos de propiedade intelectual. No programa poderán participar tres bandas por trimestre.

No apartado da música, dentro das actividades anuais haberá tamén cursos de iniciación á guitarra, pandeireta ou técnica vocal para bandas. A programación inclúe ademais actividades técnicas como un podcast sobre a realidade da industria musical en Galicia ou a gravación de material audiovisual para a promoción das bandas; propostas tecnolóxicas, como o obradoiro “Crea a túa propia marca”; actividades socioculturais, como ioga, artes escénicas, club de bordado ou club de sendeirismo; e obradoiros relacionados co deseño, como cómic, deseño gráfico para proxectos musicais, ou técnicas de ilustración contemporánea. Por último, mantéñense as actividades de creación que pretenden ser espazos de encontro e diálogo para os mozos e mozas.

Actividades trimestrais

Ademais das propostas estables anuais, o Centro Xove ofrecerá unha programación específica cada trimestre, que neste final de ano inclúe dez actividades diferentes.

Relacionado coa música, neste último trimestre de 2025 haberá obradoiros de iniciación á producción musical, introdución ás Jam Session e guía de son para bandas. Tamén están previstas actividades relacionada co son e movemento, perfumería, cestería, hula hop ou primeiros auxilios e lingua de signos.

A programación do Centro Xove para este trimestre incorpora tamén diferentes cursos que se van impartir na modalidade on line como os de creación dun home estudio, preparación de directo para bandas, branding, baixo eléctrico, coidado de baixos e guitarras, creación dun podcast, ou preparación de videoclips.

Todas as actividades son de balde e están dirixidas a mozos e mozas de entre 14 e 35 anos. Para participar é preciso inscribirse ata unha semana antes do comezo de cada actividade, enviando un correo á dirección info@centroxove.com.

Outros servizos

A maiores destas actividades, o Centro Xove continúa a ofrecer diferentes servizos de maneira estable, moitos deles vinculados aos locais de ensaio: préstamo de material, mentoría para bandas, mantemento de instrumentos, asesoramento en materia de emprendemento, ou servizos de preprodución e produción para os grupos, entre outros. Tamén se manteñen outros servizos como o préstamo de xogos de mesa ou o programa Participa! para a organización e dinamización de proxectos de creación cultural. Ademais, o equipamento da Almáciga segue a acoller outras propostas autoxestionadas, promovidas e organizadas pola propia mocidade como o grupo de artes escénicas, o cineclube Almazine ou o club de lectura @_basado.

Publicacións Relacionadas