HomeA CoruñaO ciclo “Castelao e o seu tempo” conmemora na Coruña o 75...

O ciclo “Castelao e o seu tempo” conmemora na Coruña o 75 aniversario do falecemento do intelectual galego

- Anuncio -spot_img

As sesións celebraranse os días 6, 11, 12 e 19 de novembro na Casa Museo Casares Quiroga

O Palacio Municipal de María Pita acolleu este mércores a presentación do ciclo de conferencias “Castelao e o seu tempo”, unha proposta de reflexión arredor da figura, o pensamento e o legado de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, coincidindo co 75 aniversario do seu falecemento en Bos Aires.

A iniciativa está organizada pola Fundación Castelao e polo Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, coa cofinanciación do Concello da Coruña e da propia Fundación, e conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística autonómica, o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega.

As xornadas celebraranse os días 6, 11, 12 e 19 de novembro na Casa Museo Casares Quiroga, e abordarán cuestións como a construción da nación, a democracia e a república, o exilio e a memoria, e a modernidade e o cambio cultural no primeiro terzo do século XX.

O concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, destacou que o ciclo “representa unha oportunidade para que a cidade da Coruña honre a Castelao coa altura intelectual e institucional que merece, reafirmando o seu papel como capital cultural galega comprometida coa memoria, a arte e o pensamento”.

Durante a presentación, Emilio Grandío Seoane, presidente do Instituto José Cornide e coordinador das xornadas; Miguel Anxo Seixas Seoane, presidente da Fundación Castelao; e Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística autonómica, coincidiron en destacar a relevancia desta iniciativa e o papel da Coruña na difusión do pensamento galeguista.

Grandío explicou que o ciclo “pretende ofrecer unha relectura plural de Castelao desde diferentes xeracións e perspectivas”, mentres que Seixas destacou “a fonda pegada que A Coruña deixou na vida e na obra de Castelao, unha cidade esencial para entender o seu percorrido vital e intelectual”. García, pola súa banda, puxo en valor “a colaboración institucional e a calidade da programación cultural do Concello, que sitúa a cidade como referente dentro do Ano Castelao 2025”.

O ciclo enmárcase nunha programación cultural que continúa a consolidar o liderado da Coruña como cidade de pensamento e creación, e reflicte o compromiso do Goberno de Inés Rey por apoiar proxectos que promoven a reflexión crítica, a cultura galega e a memoria compartida.

Publicacións Relacionadas