O ciclo inclúe catro actuacións gratuítas de teatro amador que terán lugar na Casa da Cultura de Camporrapado, todos os domingos de novembro ás 17:30 horas
A Casa da Cultura de Camporrapado acollerá durante os próximos catro domingos de novembro unha nova edición do ciclo de teatro amador BocAberta, organizado polo Concello de Boqueixón en colaboración coa Asociación Club de Maiores de Boqueixón e a Rede Cultural da Deputación da Coruña. Catro sesións dirixidas a todos os públicos e cuxa entrada é completamente libre e de balde os domingos 9, 16, 23 e 30 de novembro, ás 17:30 horas.
Os locais da Asociación Club de Maiores de Boqueixón serán os encargados de inaugurar o ciclo este domingo 9 de novembro. Representarán “Asuntos escuros”, unha comedia con puntos de misterio coa que tamén estrearán o novo xogo de luces e pavimento do auditorio da Casa da Cultura de Camporrapado.
As seguintes actuacións correrán a cargo do grupo municipal de teatro de Ribeira, con “Criaturas”, unha comedia que promove unha reflexión sobre a distancia que separa a maiores e pequenos. Será o domingo 16 de novembro. O domingo 23 será tempo para Licor Café Teatro de Cabanas, que ofrecerá dúas pezas: “Oculista da vista” e “Ollo por ollo e gato por lebre”. Pechará o ciclo o 30 de novembro a obra “O latricar de Vedra”, do grupo de teatro de maiores do centro social de Vedra.



