HomeA CoruñaO Club Riazor Atletismo, que cumpre un cuarto de século este ano,...

O Club Riazor Atletismo, que cumpre un cuarto de século este ano, embaixador das primeiras camisetas oficiais do medio maratón C21

- Anuncio -spot_img

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, entregoulles a primeira remesa de equipacións á presidenta da entidade, Margot Garnelo, e ás tres atletas do club que participarán na proba este domingo 1 de marzo

O Concello presentou esta tarde as novas camisetas oficiais do medio maratón C21, que terá lugar este domingo 1 de marzo e xa quenta motores visibilizando as equipacións desta XVIII edición, que vestiron hoxe as atletas do Club Riazor Atletismo que participarán na carreira desta fin de semana.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, puxo en valor o traballo da entidade ao longo da súa historia, que a mediados deste ano chegará ao seu 25º aniversario. “Clubs e asociacións como o Riazor Atletismo non só promoven o deporte, tamén trasladan valores fundamentais como o esforzo e o espírito de superación. E, ademais, representan a nosa cidade en moitos campionatos e levan o nome da Coruña a moitos puntos da xeografía galega e nacional”, expresou o edil.

Esta tarde Vázquez entregoulles a primeira remesa de camisetas da C21 á presidenta do club, Margot Garnelo, e ás tres atletas do Riazor Coruña que competirán este domingo no medio maratón: Marisa Barreiro —en categoría feminina Máster 4—, Adriana Modia e Candela Gómez —en categoría feminina senior—. Con elas estivo tamén o secretario da entidade, Julio Santiago.

Neste sentido, a actividade do club arrinca xa desde idades temperás a través da súa escola formativa, orientando ás nenas e nenos de entre 6 e 12 anos na etapa de iniciación.

Tamén na seguinte fase, asociada á tecnificación, entre os 12 e 18 anos. E ademais, a entidade tamén adestra a deportistas en fase de madurez atlética e na busca do seu máximo nivel competitivo.

No acto desta tarde, o concelleiro de Deportes puxo en valor as condicións da cidade para a práctica do running ao aire libre. Tal e como expresou Vázquez, o incremento de inscricións e participación que se está a detectar nas carreiras que se celebran na cidade, tanto as de curta distancia —a través do circuíto Coruña Corre— como nas de maior distancia, “non só ten que ver coa boa saúde do deporte da nosa cidade, senón tamén coa progresiva ampliación dos espazos públicos abertos a esta disciplina”, unha liña de acción que o Goberno de Inés Rey está a impulsar, moi especialmente, en puntos como o paseo marítimo, que conta cun carril runner específico.

A recollida de dorsais para C21 e 5K, a partir de mañá

A presentación da camiseta co club, un acto simbólico que abre camiño ao medio maratón que terá lugar este domingo, tivo lugar na praza de María Pita, que este ano, por primeira vez na historia da proba, será a meta dos 21 quilómetros.

A este respecto, tanto a camiseta da C21 como da 5K xa se poderán recoller a partir de mañá, mércores 25, data de apertura para que as persoas participantes retiren os seus dorsais e a súa bolsa de corredor. A recollida estará habilitada no quinto andar da superficie comercial de El Corte Inglés na rúa Ramón y Cajal.

Publicacións Relacionadas