A programación municipal inclúe 136 prazas para todas as idades, cun proceso de adxudicación por sorteo público en caso de alta demanda
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Deportes, vén de abrir o prazo de preinscrición para participar nos cursos municipais de iniciación ao golf correspondentes ao primeiro trimestre de 2026. As actividades desenvolveranse no Campo Municipal de Golf Torre de Hércules durante os meses de xaneiro, febreiro e marzo.
A oferta inclúe un total de 136 prazas, distribuídas por grupos de idade: infantil (de 6 a 11 anos), xuvenil (de 12 a 16 anos) e persoas adultas (a partir dos 17 anos). Terán preferencia as persoas empadroadas na Coruña e aquelas que non participasen con anterioridade noutros cursos municipais de golf.
As persoas interesadas deberán formalizar a súa preinscrición a través do formulario dispoñible na web dende a seguinte ligazón: Cursos municipais de golf 1.º trimestre 2026, onde tamén se publicarán as listaxes provisionais e definitivas das persoas solicitantes.
Cada persoa poderá solicitar un máximo de dous cursos por orde de preferencia, aínda que só se poderá formalizar matrícula nun deles. No caso de que o número de solicitudes supere o número de prazas dispoñibles, a adxudicación realizarase mediante sorteo público, seguindo os criterios establecidos nas bases reguladoras.
A matrícula realizarase presencialmente no Campo Municipal de Golf Torre de Hércules, mediante o abono da taxa correspondente segundo a ordenanza fiscal vixente. A documentación necesaria inclúe o DNI e, no caso de menores, tamén o libro de familia e identificación da persoa titor legal.
Con esta iniciativa, o Goberno de Inés Rey reafirma o seu compromiso coa promoción do deporte base e a práctica de actividade física saudable para toda a cidadanía, nun contorno privilexiado como é a contorna da Torre de Hércules.



