HomeA CoruñaO Concello acometerá melloras de accesibilidade na rúa Julio Rodríguez Yordi, ampliando...

O Concello acometerá melloras de accesibilidade na rúa Julio Rodríguez Yordi, ampliando os espazos peonís e renovando o firme da calzada

- Anuncio -spot_img

As intervencións, que arrincarán ao longo do mes de xuño, levaranse a cabo no treito entre Almirante Cadarso e Almirante Eulate, dando así resposta a unha solicitude da veciñanza do barrio

O Concello iniciará nas vindeiras semanas as obras previstas na rúa Julio Rodríguez Yordi, na contorna de Riazor, onde se acometerán melloras de accesibilidade no treito entre Almirante Cadarso e Almirante Eulate, dando así resposta a unha das principais solicitudes da veciñanza nesta parte do barrio.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, explicou hoxe o contexto desta actuación, coa que se busca dar unha uniformidade estética ao conxunto de Julio Rodríguez Yordi, ampliar os espazos peonís e que o ancho de beirarrúa sexa o mesmo ao longo de toda a rúa, acilitando así o paso ás persoas con mobilidade reducida.

Díaz precisou que, a día de hoxe, no treito entre Almirante Cadarso e Almirante Eulate “é fundamental actuar porque o ancho das beirarrúas é sensiblemente menor ás do treito que chega a Almirante Lángara, coas dificultades que isto supón para persoas que van en cadeira de rodas ou que levan carriños coas crianzas, por exemplo”.

As beirarrúas que se remodelarán son, a día de hoxe, de menos de metro e medio de ancho. Coa reurbanización da rúa renovaranse os materiais —con baldosas de granito— e pasarán a ser de máis de dous metros de ancho en ambas as marxes da rúa. “Isto é posible polas dimensións dos espazos de estacionamento e do carril de circulación central, que pola súa amplitude permitirannos ampliar as beirarrúas e gañar superficie para o tránsito peonil”, explicou Díaz, que subliñou que a actuación non suporá, en ningún caso, a perda de espazos de estacionamento.

En paralelo, tamén se mellorará a accesibilidade no paso peonil con Almirante Eulate, “tamén co obxectivo de facilitar o paso das persoas con mobilidade reducida ou con dificultades de visión”, unha medida que, como vén sendo habitual neste tipo de intervencións, implicará a disposición de pavimentos diferenciados, con losetas podotáctiles.

Ademais, no contexto dos traballos, o Concello aproveitará para renovar a rede de augas residuais existente na rúa, construír novos pozos para a recollida de pluviais e, xa a posteriori—dado que será preciso picar no pavimento para concretar estas actuacións—, renovarase o firme da calzada con formigón.

A actuación enmárcase dentro da estratexia posta en marcha polo Goberno de Inés Rey de melloras en todos os barrios da cidade. O investimento previsto polo Concello é de 218.000 euros.

Os traballos comezarán ao longo do mes de xuño

O calendario de actuacións en Julio Rodríguez Yordi arrincará ao longo do vindeiro mes de xuño. Noemí Díaz apuntou que a intervención estaba prevista para este segundo trimestre de ano, mais agardouse a xuño “porque a rúa é un punto habitual de aglomeracións cando o Deportivo xoga como local en Riazor e esta fin de semana será o último partido da tempada no estadio municipal”.

Publicacións Relacionadas