O goberno municipal reuniuse a pasada semana co organismo autonómico e presentoulle as auditorías externas que analizaron o estado das redes de abastecemento e saneamento do municipio
As conclusións iniciais apuntan a dividir o termo municipal en dúas zonas: a da Ría, cunha posible nova EDAR, e a zona do sureste, na que se podería intervir reparando as decantadoras existentes
O executivo liderado por Sergio Platas informou hoxe destes avances con Augas de Galicia á oposición nun pleno extraordinario
O Concello de Paderne acordou con Augas de Galicia darse un prazo de seis meses para que o organismo autonómico estude as posibilidades técnicas das posibles alternativas para mellorar, de xeito global, o servizo de saneamento municipal. Ese foi a gran avance do último encontro entre o equipo de goberno padernés e os responsables da entidade da Xunta de Galicia, celebrada durante a pasada semana e da que o executivo informou á oposición nun pleno extraordinario celebrado esta mesma mañá.
Durante a última reunión de traballo dunha serie de xuntanzas periódicas que o equipo liderado por Sergio Platas leva realizando desde o inicio do mandato, Augas de Galicia recibiu as auditorías externas contratadas -a través de financiamento subvencionado- polo Concello de Paderne para analizar o estado das súas redes de abastecemento e saneamento. Unha vez recibida esta documentación, os interlocutores da entidade solicitaron esa prazo de medio ano para analizar a información e ofrecer a Paderne posibles alternativas a partir dunha visión global que inclúa os recursos do resto de concellos limítrofes.
Neste sentido, as conclusións preliminares de Augas de Galicia apuntan a dividir o termo municipal de Paderne en dúas zonas en materia de saneamento. Unha delas sería a zona da Ría, que comprende Velouzás, Sas, Souto, Chantada e Viñas. O servizo de saneamento nesta área concentraríase na posible nova EDAR de Viñas, unha instalación que o goberno local vén reclamando durante anos.
Por outro lado, a segunda zona sería a sureste, que comprende Vigo, Adragonte, Vilamourel, Quintas, Obre e Paderne. Neste espazo, a intervención que apunta a ter máis posibilidades é continuar coa execución das reparacións das decantadoras existentes, así como destinar máis recursos para a construcións de novas mini-EDAR para núcleos de menos de 20 casas. Tamén se considerou a posibilidade de obter subvencións para fosas sépticas.
O alcalde, Sergio Platas, destacou que o saneamento “é un dos piares do plan de traballo” do seu equipo de goberno. Segundo Platas, “trátase dun eixo fundamental, pois afecta de xeito directo ás condicións de vida da veciñanza de Paderne”. Neste sentido, quixo recalcar as periódicas reunións que o seu executivo leva concretadas con Augas de Galicia, a quen agradeceu “a boa predisposición” para escoitar as “demandas e necesidades” de Paderne. “Saben que no noso municipio existe un claro déficit neste sentido. É preciso actuar de xeito integral e radical para poder obter unha mellora global. E para iso, necesitamos a Augas de Galicia como entidade competente nesa materia”, finalizou o rexedor.