O Concello de Ribeira informa da recente adxudicación dunha actuación para garantir o bo mantemento das infraestruturas nas parroquias.
O camiño do lugar dos Muiños conta cun pavimento moi deteriorado e de diversos materiais xa que na súa zona de rodadora ten un pavimento de aglomerado asfáltico mentres que os sobreanchos son de aglomerado ou formigón. Recentemente realizáronse na zona obras de instalación de rede de saneamento, quedando o pavimento deste camiño en mal estado.
Segundo o alcalde, Luís Pérez informou que o obxectivo fundamental que se persegue con este proxecto é o mellorar o firme actual do camiño, pavimentándoo cunha nova capa de aglomerado asfáltico e poder así dispoñer dunha estrada en perfectas condicións para tránsito de vehículos e peóns.
Pérez Barral detallou que antes da pavimentación aproveitarase para construír novos pozos de rexistro nos camiños adxacentes, para realizar futuras obras de saneamento, sen que estas afecten ao novo pavimento obxecto deste proxecto.
Dende o Concello informan de que a actuación prevista prevé a demolición de pavimentos actuais, escavación da gabia, colocación de tubaxe de PVC de 315 mm de diámetro, construción de pozos de rexistro e acometidas á rede existente. Unha vez feitos estes traballos farase o acondicionamento das superficies para pavimentar, aplicación de subbase de saburra en calzada e sobreanchos para regularización da estrada, aplicación de capa de mestura bituminosa en quente de 6 cm de espesor en toda a superficie do camiño e finalmente a sinalización viaria do camiño, con pintura para tráfico.
O proxecto foi adxudicado á empresa Construcciones Ponciano Nieto, S.L.