O novo sistema de cita previa en liña axiliza as solicitudes, permitindo pedilas con 15 días de antelación e ata 60 días vista, e limita o uso a un día ao mes por persoa e un máximo 12 anuais para garantir o acceso de toda a veciñanza
Nos próximos días incorporarase un quinto espazo TEU no barrio do Birloque e, coa súa apertura inminente e a experiencia destes anos, o Goberno de Inés Rey porá en marcha varios cambios significativos que supoñen importantes melloras na xestión administrativa e no uso destes espazos municipais. As novas medidas entrarán en vigor a partir de mañá, venres 25 de abril. A rede de espazos TEU – que botou a andar en 2018 coa apertura do primeiro local no Faro de Oza – pasará así a contar con cinco locais de uso libre e gratuíto para a cidadanía, sumando aos xa existentes dous espazos de Novo Mesoiro e o local Azahar no barrio das Flores este novo TEU do Birloque.
A partir desta data, cambiará o sistema de solicitude de reserva dos espazos TEU para acadar maior accesibilidade e axilidade nos trámites, nun contexto no que o número de veciños e veciñas que utilizan estes locais para celebracións privadas e familiares foi medrando de forma considerable nos últimos anos. Ata o de agora era preciso presentar a solicitude de uso por rexistro, ben de forma presencial nas oficinas municipais ou a través da sede electrónica, o que implicaba contar cun certificado dixital ou DNI electrónico. Desde o 25 de abril, implántase un sistema de cita previa en liña – que a maior parte da cidadanía xa coñece polo seu uso noutros servizos municipais– para xestionar estas reservas. Este cambio suporá unha tramitación moito máis rápida e sinxela, posto que xa non será necesario desprazarse ás oficinas de rexistro e o procedemento poderá realizarse comodamente desde un ordenador, tableta ou teléfono móbil, sen precisar certificado dixital; abonda con dispor dunha conta de correo electrónico. Ademais, a aplicación de cita previa só permitirá seleccionar aquelas datas que estean realmente dispoñibles, evitando duplicidades ou erros na escolla dos días.
En canto aos prazos de solicitude, a normativa vixente ata agora permitía pedir un espazo para datas comprendidas no mes en curso e os dous meses seguintes, sempre cun mínimo de 15 días naturais de antelación. Ata o de agora, as solicitudes concentrábanse aos primeiros días de cada mes, orixinando aglomeracións e demoras no proceso de reserva. Co novo sistema de cita previa elimínanse esas acumulacións mensuais e garántense as mesmas oportunidades de acceso para toda a cidadanía. Os calendarios de dispoñibilidade actualizaranse en tempo real, de xeito que só se poderán reservar días libres. Calquera persoa poderá solicitar unha data de uso cunha antelación mínima de 15 días naturais e máxima de 60 días respecto da data desexada, ampliando así o horizonte de planificación das reservas e evitando saturacións puntuais.
Así mesmo, co obxectivo de que os espazos TEU poidan ser aproveitados polo maior número posible de veciñas e veciños, introdúcense cambios nas condicións de uso. Redúcese o tempo de ocupación autorizado a un só día completo por reserva, en lugar dos dous días consecutivos que se permitían ata o de agora. Ata o momento era habitual que unha persoa usuaria reservase unha fin de semana enteira (sábado e domingo) aínda que só fose empregar efectivamente o local nun deses días, o que deixaba outro día bloqueado sen uso para o resto da cidadanía. A partir de agora, cada solicitude concederá o uso do espazo únicamente durante unha xornada, evitando reservar días adicionais innecesarios. Deste xeito ábrense as posibilidades de dispoñibilidade dos locais a máis xente, especialmente nas fins de semana, que son os períodos de maior demanda. Pola mesma razón, establécese tamén un límite máximo no número de cesións: unha mesma persoa non poderá utilizar os espazos TEU máis de 12 veces ao ano, cun máximo dun día de reserva ao mes. Con estas restricións búscase garantir un reparto máis equitativo e que un maior número de usuarios diferentes poidan acceder aos locais ao longo do ano.
O servizo municipal de Participación Cidadá, encargado da xestión desta rede de espazos de uso cidadán, subliña que todas estas melloras teñen como finalidade facilitar o acceso da veciñanza aos locais TEU e evitar incidencias por saturación no sistema de reservas. En definitiva, trátase de ampliar as oportunidades de uso gratuito destes espazos municipais para o conxunto da cidadanía, fomentando unha participación máis ampla e diversa.
As condicións de uso completas poderán consultarse na páxina web de Participación Cidadá do Concello da Coruña, onde tamén estará dispoñible unha guía práctica para realizar as reservas a través do novo sistema de cita previa en liña.