O Concello de Neda será anfitrión este domingo da 39 “Carreira Popular Volta á Ría- Memorial Adolfo Ros”, que coorganizan os veciños municipios de Fene, Ferrol e Narón, e reunirá, un ano máis, a centos de participantes. A proposta incluirá a media maratón de 21 km, que discorrerá polas catro localidades, ademais de cinco carreiras con distintas inferiores para atletas menores de idade. Co obxectivo de facilitar o desenvolvemento das distintas probas e garantir a seguridade dos atletas, a administración local anuncia restricións ao tráfico, que estarán vixentes das 8:00 ás 14:00 horas.
Así, segundo apuntan dende o Concello, nese tramo horario cortaranse ao tráfico as seguintes vías do núcleo urbano: rúas Trovador Esquío, Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Avenida de Castelao, rúa Xeneral Morgado (tramo entre Trovador Esquío e Castelao) e, como non, o Camiño do Regueiro, onde estará situada a saída e meta da carreira absoluta e das probas menores. Ademais, o arcén de todas estas rúas deberá quedar libre de vehículos. Como alternativa de circulación, apóstase polas rúas Real e Alonso Escudero.
Ademais, dende o Concello apuntan posibles zonas de estacionamento para veciñanza e participantes: rúas Piñeiros y Lagareta, Valle Inclán, inmediacións do pavillón municipal Ale de Paz e acceso ao lugar Fábrica de Labora, ademais de na beiravía da Avenida Alxeciras, en dirección Narón.
Finalmente, cómpre indicar que a Avenida de Xuvia, AC-115, Avenida de Alxeciras e Médico Cebreiro contarán cun único sentido de circulación. Os vehículos só poderán circular en dirección Narón, e o outro carril e beiravía contrarios deberán quedar libres de vehículos.



