HomeA CoruñaO Concello aproba destinar o Plan Complementario da Deputación á reforma do...

O Concello aproba destinar o Plan Complementario da Deputación á reforma do parque infantil do Castelo

- Anuncio -spot_img

No Plan Único 2026 destínanse 552.204 euros a gasto corrente, 267.981,53 euros correspondentes a achega de 2026 e 284.222,83 de 2025

O Concello da Pobra do Caramiñal aprobou destinar os 552.204 euros do POS+2026 da Deputación da Coruña a gasto corrente para garantir o correcto funcionamento de servizos básicos para a veciñanza. Na sesión plenaria ordinaria celebrada na mañá de hoxe, 29 de xaneiro, a corporación municipal acordou tamén reservar os 221.766,83 euros correspondentes ao Plan Complementario 2026 para a remodelación e modernización do parque infantil do Castelo.

A actuación permitirá renovar e actualizar os elementos existentes, mellorando a área de xogos e ampliando a súa capacidade, así como a diversidade de xogos dispoñibles. O proxecto pon especial atención na incorporación de novos elementos accesibles e nun deseño máis atractivo e inclusivo, pensado para un amplo rango de idades.

A intervención contempla tamén a reorganización e integración do mobiliario urbano e dos servizos da contorna, co obxectivo de reforzar este espazo como punto de encontro, socialización e desfrute ao aire libre, nunha zona moi frecuentada e valorada pola veciñanza e polas persoas visitantes, e que forma parte dos atractivos do centro do concello.

Así mesmo, renovarase o pavimento amortiguador de caucho continuo en toda a superficie da área de xogos, mellorando as condicións de confort e seguridade. Dada a súa localización próxima ao tránsito rodado, prevese tamén a instalación dun valado de madeira nos accesos para reforzar a protección das persoas usuarias. A actuación complétase cun novo conxunto de bancos modulares de formigón prefabricado, que contribuirán a facer do parque un espazo máis cómodo e funcional.

Modificación de designación de dedicacións

O pleno deu luz verde á modificación de designación de dedicacións pola que o alcalde, José Carlos Vidal, asumirá a área de Deportes. Tal e como anunciaron o rexedor e o que era o edil da área ata o momento, Eloy Sobrido, a decisión está motivada por “falta de tempo”, xa que a Concellería de Deportes require unha dedicación moi elevada e unha presenza constante, algo que cualificaron como “moi difícil de compatibilizar” coa dedicación parcial de Sobrido.

Publicacións Relacionadas