HomeA CoruñaA CoruñaO Concello asume a través da Emvsa a xestión temporal das Escolas...

O Concello asume a través da Emvsa a xestión temporal das Escolas Deportivas Municipais ante os incumprimentos da adxudicataria

- Anuncio -spot_img

Ademais, imporá penalidades á empresa se non cumpre coas súas obrigas cos traballadores. O servizo licitarase de novo este mesmo mes

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a finalización do contrato de prestación do servizo das Escolas Deportivas Municipais coa empresa Serviplus, firma que desde o ano 2021 tiña adxudicada a súa xestión. Ademais, a

Xunta de Goberno aprobou tamén que sexa a empresa pública Emvsa a que temporalmente asuma á plantilla e a prestación. A decisión, explicou a alcaldesa, Inés Rey, obedece aos reiterados incumprimentos da empresa en materia laboral, con retrasos no aboamento das nóminas aos seus empregados.
“Nas últimas semanas anunciamos medidas e esiximos á empresa que cumprira coas súas obrigas, avanzando que actuariamos de non facelo. As adxudicatarias teñen que cumprir coas obrigas que figuran nos pregos e, de non facelo, asumir as consecuencias”, indicou Rey.

Entre esas consecuencias figura tamén a apertura dun expediente para a imposición de penalidades á firma, no caso de que non se paguen as nóminas pendentes, contemplando a posible incautación da garantía constituida.

O Concello considera que as Escolas Deportivas Municipais son un servizo público esencial e garante a súa continuidade no tempo. Será a empresa pública Emvsa, un medio propio municipal, a que asuma temporalmente tanto aos traballadores como a prestación do servizos, por un período máximo de 6 meses mentres non se adxudica novamente o servizo, que sairá a concurso durante este mes de xaneiro.

Deste xeito o Concello, indica a alcaldesa, garante as condicións laborais da plantilla, que será subrogada pola próxima adxudicataria. Emvsa dedicará ao mantemento do servizo algo máis de 480.000 euros durante os vindeiros seis meses. O acordo aprobado hoxe aplícase con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro deste mesmo ano, de tal xeito que os traballadores terán unha cobertura inmediata da súa situación laboral.
“O Concello ten recursos económicos e xurídicos para garantir un servizo esencial como este, e as adxudicatarias que incumpren teñen que saber que tomaremos as medidas precisas para sustentar dereitos esenciais das persoas, como o aboamento puntual das súas nóminas polos traballos que realizan”, indicou a alcaldesa.

Publicacións Relacionadas