HomeA CoruñaO concello avanza na contratación do proxecto de mellora da eficiencia na...

O concello avanza na contratación do proxecto de mellora da eficiencia na rede de saneamento

- Anuncio -spot_img

En próximas datas licitarase a renovación da rede de abastecemento na Avenida Méndez Núñez de Caión. O investimento total alcanzará os 98.000 euros, que serán cofinanciados por Augas de Galicia.

O Concello adxudicará nos próximos días a execución do proxecto dirixido a mellorar a eficiencia da rede municipal de saneamento de residuais. Unha vez finalizado o prazo de presentación de ofertas no procedemento de contratación mediante licitación aberta, hai catro empresas que aspiran á adxudicación do contrato.

A intervención afecta aos colectores principais de saneamento que recollen as augas residuais dos núcleos urbanos da Laracha e de Paiosaco. Para evitar posibles rebordes na confluencia entre ambos que poderían provocar verquidos antes da chegada á estación depuradora de augas residuais (EDAR) do Formigueiro, nas inmediacións desa infraestrutura, a altura do núcleo de O Pino, vai ser instalada unha nova tubaxe soterrada que atravesará a estrada DP-2404 ata a propia EDAR. Así, aumentarase a eficiencia para eliminar riscos sanitarios e ambientais. O orzamento ascende a 49.000 euros.

Ademais, o Concello ten previsto sacar a licitación en próximas datas outro proxecto que neste caso afectará ao abastecemento da vila de Caión. Segundo os datos obtidos na auditoría técnica da rede municipal realizada previamente polo Concello, as canalizacións de fibrocemento son as que presentan un maior número de avarías e perdas de auga, así que vai ser renovada a existente na Avenida Méndez Núñez da localidade costeira. A intervención consistirá na instalación de 130 metros de nova canalización de polietileno de alta densidade. Ademais da renovación da tubaxe principal, realizaranse as conexións coas redes existentes e as acometidas das vivendas afectadas. O orzamento tamén se sitúa en torno aos 49.000 euros.

Os proxectos, que suman un importe conxunto aproximado de 98.000 euros, serán cofinanciados entre o Concello e Augas de Galicia ao abeiro das convocatorias para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de actuacións para reducir as infiltraciones nas redes de saneamento municipal e as perdas de auga, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Con estas iniciativas, Concello e Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso cunha xestión eficiente dos servizos públicos do ciclo da auga, levando a cabo solucións técnicas que garantan a sustentabilidade ambiental e o benestar da cidadanía.

Publicacións Relacionadas