O novo sistema de reciclaxe xa está presente en zonas como Novo Mesoiro, Feáns, Elviña, Barrio das Flores, Matogrande ou Catro Camiños, con máis de 1.200 unidades modificadas
No vindeiro mes renovaranse as illas do Castrillón, Oza, Os Castros, Os Mallos, Sagrada Familia, Agra do Orzán, Bens, Os Rosales e Labañou
O Concello da Coruña avanza na implantación progresiva do quinto contedor en todos os barrios da cidade, cumprindo os prazos previstos para a súa total implantación antes de final de ano en todo o termo municipal. Xa se modificaron 1.200 colectores, cun ritmo de traballo de 130 contedores ao día.
A posta en marcha deste novo sistema de recollida dos residuos urbanos supón que a cidadanía terá que utilizar, a partir de agora, o contedor de tapa amarela exclusivamente para envases (bricks, latas, envases de plástico, etc.) e que se introduce un novo colector, de tapa gris, destinado á fracción resto (restos de varrido, cabichas, produtos de hixiene feminina, cueiros, etc.).
Esta nova fase de expansión, que finalizará a mediados de novembro, inclúe sete roteiros de recollida e afectará os barrios do Castrillón, Oza, Os Castros, Os Mallos, Sagrada Familia, Agra do Orzán, Ventorrillo, Bens, Os Rosales e Labañou.
A primeira fase da implantación desenvolveuse nos tres primeiros roteiros, que inclúen os barrios de Novo Mesoiro, Mesoiro, Feáns, Urbanización Breogán, Estación e Lonzas, 1ª e 2ª fase de Elviña, Monelos, Barrio das Flores, Matogrande, Eirís de Arriba e contorna do Coliseum e Pedralonga.
Esta actuación enmárcase na folla de ruta trazada polo Goberno de Inés Rey en materia de sustentabilidade e mellora do servizo de recollida de residuos, un compromiso co avance cara a unha cidade máis limpa, eficiente e respectuosa co medio ambiente.
Ademais, esta semana comeza unha campaña de comunicación sobre o quinto contedor, que incluirá accións de rúa e charlas informativas. Desde o Concello están a enviarse correos electrónicos ás asociacións veciñais dos distintos barrios para informarlles da implantación do novo colector e poñerse á súa disposición para organizar, en cada zona, actividades e encontros destinados a explicar á veciñanza a nova forma de recoller o lixo na cidade.