A alcaldesa, Inés Rey, explicou que a contratación do servizo de asistencia técnica da obra é clave neste tipo de actuacións, xa que permite verificar a calidade dos materiais e a correcta execución das intervencións
A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe de que o Concello sacará a concurso hoxe a dirección de obra da rehabilitación de Santa Lucía, un paso fundamental e indispensable para iniciar a execución dos traballos, que suporán un investimento de máis de dez millóns de euros no barrio da Falperra.
Rey explicou que a contratación do servizo de asistencia técnica da obra é clave neste tipo de actuacións, xa que permite verificar a calidade dos materiais e a correcta execución das intervencións atendendo ás liñas mestras e detalles técnicos do proxecto, que no caso de Santa Lucía inclúe a construción dun novo centro de saúde e un novo centro cívico, entre máis espazos e dependencias públicas de usos múltiples.
A este respecto, os pregos inclúen tamén a coordinación do plan de seguridade e saúde, “unha ferramenta fundamental en materia de prevención de riscos laborais, con todo o que iso implica para o persoal traballador”, razoou Rey.
O Concello destina 215.000 euros á licitación do contrato de asistencia técnica, un investimento que forma parte dos máis de 10 millóns de euros orzamentados para a rehabilitación de Santa Lucía, “unha intervención histórica e moi agardada pola veciñanza da Falperra e o Ensanche dende hai máis dunha década”, tal e como lembrou a rexedora.
Neste sentido, a alcaldesa, Inés Rey, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asinaron a finais de xuño o convenio de colaboración interadministrativa que certifica a próxima posta en marcha das obras, coa previsión de que arrinquen antes de finais de ano.