A resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural foi publicada hoxe no DOG.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural pola que se acorda a inscrición das Torres de Cillobre no Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC), coa categoría de monumento. A decisión baséase na documentación achegada polo Concello da Laracha e na existente na propia Dirección Xeral, que acreditan a condición das Torres de Cillobre como un elemento propio da arquitectura defensiva construído no século XIV e que mantén na actualidade as suficientes condicións de autenticidade para xustificar o seu máximo nivel de protección.
Desde o Concello valórase moi positivamente este recoñecemento institucional, que supón un fito fundamental para a preservación e proxección dun dos elementos patrimoniais máis emblemáticos do municipio. As Torres de Cillobre non só forman parte da historia da Laracha desde a Idade Media, senón que constitúen tamén un símbolo da identidade local ao estar representadas no escudo municipal.
A inscrición como BIC supón o grao máis alto de protección patrimonial, polo que reforza o compromiso do Concello coa súa conservación e abre, ademais, novas oportunidades para acceder a convocatorias de axudas doutras administracións destinadas á investigación e posta en valor tanto das propias Torres de Cillobre como doutros bens patrimoniais do termo municipal.
Este avance enmárcase nunha estratexia sostida no tempo. Xusto hai un ano que o Concello completou o procedemento de adquisición do conxunto arquitectónico das Torres de Cillobre, cun investimento de 54.000 euros, incorporando así ao patrimonio municipal unha superficie de 2.655 metros cadrados na que se conservan a vivenda da torre, parte do muro perimetral e o hórreo anexo.
Así mesmo, o Concello ten redactado o Plan Director para a posta en valor do recinto das antigas Torres de Cillobre, cuxa presentación está prevista para o vindeiro mes de febreiro. O documento ten como obxectivo definir unha estratexia global de actuación sobre este espazo patrimonial, combinando a investigación, a conservación e a divulgación cultural e turística.
O Plan Director estrutúrase nunha primeira fase analítica, na que se estuda o estado actual do recinto, a súa conservación, accesibilidade e contexto, e nunha segunda fase programática, na que se establecerán liñas de actuación concretas en ámbitos como a investigación arqueolóxica, a musealización e a comunicación. A partir deste marco será posible desenvolver proxectos tanxibles como a sinalización interpretativa do espazo, a organización de visitas guiadas ou a creación dun centro de interpretación co obxectivo de converter as Torres de Cillobre nun referente cultural dentro do xeodestino Costa da Morte. O orzamento das actuacións proxectadas alcanza os 768.000 euros.
Cómpre lembrar que hai xa dez anos que o Concello da Laracha aprobou o Plan Especial de Patrimonio Cultural coa finalidade de garantir a máxima protección dos sete elementos patrimoniais máis destacados do municipio. As Torres de Cillobre, o menhir de Erboedo e o castro de Montes Claros son xa de titularidade municipal. A relación complétase cos castros da Pena e de Santa Baia e os fornos dos Mouros de Soandres.
Con esta resolución publicada hoxe no DOG, o Concello da Laracha dá un novo paso firme na defensa, recuperación e posta en valor do seu patrimonio histórico como recurso cultural, educativo e turístico ao servizo da veciñanza e das xeracións futuras.



