HomeA CoruñaA CoruñaO Concello chama á participación escolar no “Día da Ciencia. Da rúa...

O Concello chama á participación escolar no “Día da Ciencia. Da rúa ao teatro” do 8 de maio

- Anuncio -spot_img

Inés Rey destaca que “a aposta dos Museos Científicos pola divulgación non se pode frear por mor da pandemia, ao contrario, coa seguridade pertinente temos que potenciala aínda máis posto que o coñecemento científico se está amosando máis necesario ca nunca”
O Concello da Coruña mantén a súa aposta pola cultura científica e xa se dirixiu aos centros de ensino para convidar as nenas e nenos e mais ao profesorado á participación creativa no ‘Día da Ciencia. Da Rúa ao Teatro’, que terá lugar no Teatro Colón o próximo 8 de maio. O evento, que contará con todas as medidas de seguridade que estean vixentes nesas datas, realizarase en horario de mañá e tarde e será organizado unha vez máis pola rede de Museos Científicos municipais, coa colaboración de Emalcsa e a Asociación de Amigos da Casa das Ciencias.
Deste xeito, o Concello manterá a celebración do Día da Ciencia, adaptándoo ás actuais esixencias derivadas da Covid-19, que fan imposible o seu formato habitual no Parque de Santa Margarida. Segundo a alcaldesa, Inés Rey, “a aposta pola divulgación científica non se pode frear por mor da pandemia, ao contrario, garantindo a seguridade esixida nese momento temos que potenciala aínda máis nun momento como o actual, en que o coñecememto científico se está amosando máis necesario ca nunca”.
O evento centralizarase no Teatro Colón e estará protagonizado polas rapazas e rapaces, que terán a oportunidade de presentaren experimentos, fenómenos científicos e deseños tecnolóxicos preparados por elas/es mesmas/os, nunha gala dinamizada por unha presentadora ou presentador. Ademais, haberá actividades en formato dixital, especialmente nas redes sociais e, así mesmo, se buscará un espazo para homenaxear a Javier Novelle, impulsor do evento, que faleceu en 2020.
A actividade en liña e presencial no teatro –coa capacidade que se autorice en caso de habelo- estará acompañada de diversas accións que dependerán das restricións sanitarias, sempre divulgando a ciencia desde unha perspectiva accesible e festiva.

Publicacións Relacionadas