O voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, informou de que no mandato actual se promoverá a creación dun Selo distintivo en apoio ao Comercio Local Histórico, co obxectivo de reforzar a súa posta en valor
O consistorio convocará o 30 de xaneiro a constitución da Comisión de Seguimento do Mundial 2030
O Concello promoverá unha consulta pública co obxectivo de recabar as achegas e valoracións, tanto da cidadanía como das organizacións potencialmente interesadas, con respecto aos VTC.
Tal e como e como precisou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, no pleno deste xoves, “isto supón un primeiro paso”, previo á elaboración —en caso de que así resultase toda vez conclúa a consulta—, dun proxecto de ordenanza municipal reguladora do servizo de transporte urbano de persoas viaxeiras en vehículos de turismo con persoa condutora (VTC).
Esta consulta pública chega pouco despois de que a cidade herculina, en cooperación con outras cidades coa mesma problemática, como Santiago e Vigo, instasen á Xunta á procura dunha normativa que, impulsada pola Administración autonómica, permita establecer un fío condutor a seguir polas diversas ordenanzas municipais.
“Queremos recompilar as opinións e propostas das persoas físicas ou xurídicas con respecto á futura norma. Nós, como Concello, escoitaremos a todas e todos os actores implicados e ás persoas afectadas. E pedimos á Xunta que defina cales son os criterios aplicados para autorizar transporte interurbanos”, expuxo Díaz.
Na sesión plenaria desta mañá, a concelleira indicou, ademais, que en paralelo á consulta pública promovida polo Concello tamén será necesario realizar un estudo técnico “para saber con certeza se é preciso iniciar o proceso de autorización de servizos urbanos de VTC, ou non. E se é que si, establecer os criterios de seguridade viaria e sustentabilidade ambiental e económica, tal e como indica a Lei de Transportes da Xunta de Galicia”.
A este respecto, Díaz indicou que, entre tanto, “a Xunta segue a conceder autorizacións, sen límite, para despois abrirlles informes sancionadores”.
A consulta pública dos VTC, durante dous meses
A aprobación do trámite de consulta pública abre camiño á publicación da mesma na páxina web do Concello, onde estará visible o anuncio durante dous meses, período durante o cal se poderán formular achegas para a súa posterior valoración polos servizos municipais. Apoio ao Comercio Local Histórico, coa creación dun selo distintivo
Noutra orde de asuntos, o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, informou hoxe de que o Concello promoverá neste mandato a creación dun Selo distintivo do Comercio Local Histórico, co obxectivo de promocionalo e poñelo en valor. Lage abundou nas diversas liñas de colaboración impulsadas polo Goberno local á hora de apoiar ao tecido emprendedor e pequeno comercio. Por exemplo, tanto coas campañas informativas de difusión como coa continuidade da programación dos mercados ecolóxicos e sostibles ao longo do ano nos diversos barrios da cidade. “Falamos de eventos que, baixo criterios éticos e sostibles, achegan a súa actividade a toda a cidadanía”, indicou o edil, que lembrou que só o ano pasado, con 34 mercados celebrados ao aire libre en puntos como o Campo da Leña ou a praza da Tolerancia, estimouse unha asistencia de 22.000 visitantes.
Alfonso Molina, a exame nunha reunión co MITMA
Tamén na quenda de mocións, Lage notificou que o Concello manterá unha reunión co Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible (MITMA) a finais de mes, co obxectivo de “esixir que a obra de Alfonso Molina se axilice e se comprometan a licitar neste ano 2026 a segunda fase da integración ambiental da avenida”. Sería o paso previo a unha xuntanza posterior cos representantes veciñais, para dar conta dos avances correspondentes.
Comisión do Mundial 2030
Ademais, Lage informou hoxe de que a sesión constitutiva da Comisión institucional de seguimento do Mundial 2030 —aprobada na pasada sesión coa unanimidade de todos os grupos— terá lugar a finais deste mes de xaneiro, concretamente o venres 30, co obxectivo de avaliar o estado da candidatura da Coruña a albergar o torneo futbolístico dentro de catro anos.



