A estructura de area, que protexerá o Paseo Marítimo dos temporais do inverno, superará os dous metros de altura
O Concello comeza o próximo luns 27 de outubro os traballos para levantar na praia de Riazor a duna de area que protexerá o Paseo Marítimo dos posibles temporais costeiros da próxima temporada invernal.
A empresa responsable do servizo utilizará maquinaria especializada para levar a cabo os traballos, que transcorrerán ao longo da semana que vén. A duna superará os dous metros de altura e situarase na parte intermedia do areal, cunha separación de seguridade con respecto ao Paseo Marítimo. O obxectivo, como cada ano, é minimizar o impacto dos fenómenos costeiros no tráfico e nos elementos próximos ao litoral.
Unha vez instalada aa duna, o persoal de Medio Ambiente revisará de maneira continua a estrutura para planificar posibles reforzos en caso de ser necesarios en función dos temporais e fenómenos costeiros. A duna permanecerá en Riazor ata mediados de maio do ano de que vén, data na que será retirada para deixar as praias preparadas para o goce da tempada de baño a partir do 15 de xuño de 2026.
A duna de Riazor levantouse por primeira vez no ano 1995 como resposta a un forte temporal que derrubou a antiga balaustrada do Paseo Marítimo ao seu paso por este areal. Este tipo de situacións meteorolóxicas danse entre unha e tres veces ao ano de media.



