HomeA CoruñaO Concello concede máis de 2 millóns de euros de subvencións para...

O Concello concede máis de 2 millóns de euros de subvencións para a rehabilitación enerxética de máis de 140 vivendas no Barrio das Flores

- Anuncio -spot_img

A axuda beneficiará 143 vivendas e 11 locais comerciais das rúas Geranios e Girasoles, grazas aos fondos europeos NextGenerationEU

O Concello da Coruña vén de aprobar unha subvención por importe de 2.136.953,09 euros destinada á rehabilitación enerxética de 143 vivendas e 11 locais comerciais no Barrio das Flores. A axuda, concedida á mancomunidade dos bloques 45 e 46 das rúas Xeranios e Xirasois, enmárcase no Programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio, financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU.

A intervención permitirá actuar sobre un total de nove portais, contribuíndo á mellora da eficiencia enerxética dos edificios mediante a renovación da envolvente térmica (fachadas e cubertas) e a impermeabilización dunha praza privada situada sobre os garaxes. Estas melloras permitirán unha redución superior ao 30% no consumo de enerxía primaria non renovable, o que redundará nun maior confort térmico e aforro para a veciñanza.

A tramitación da subvención realizouse tras verificar que a proposta cumpría con todos os requisitos técnicos e administrativos esixidos pola normativa estatal e europea. A actuación deberá estar finalizada antes do 30 de xuño de 2026.

Esta é unha das actuacións incluídas nos Entornos Residenciais de Rehabilitación

Programada (ERRP) da cidade, un instrumento co que o Concello promove a mellora integral de barrios a través da colaboración interadministrativa co Ministerio de Transportes e a Xunta de Galicia.

Desde o Goberno municipal destacan que estas iniciativas forman parte dunha estratexia máis ampla que busca consolidar unha cidade máis sostible e cohesionada, en liña coa aposta do Goberno de Inés Rey por avanzar na rehabilitación dos barrios e garantir o acceso a vivendas dignas.

O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz, subliñou que “apostamos por empregar todos os recursos dispoñibles para facilitar a rehabilitación do parque de vivenda existente, especialmente naquelas zonas onde máis falta fai, como é o caso do Barrio das Flores”.

Díaz tamén puxo en valor o papel activo da veciñanza: “Este proxecto é froito do compromiso colectivo dos residentes, que decidiron dar o paso e aproveitar esta oportunidade histórica para mellorar as condicións dos seus fogares. O Concello está para acompañar e facilitar este tipo de procesos.”

Publicacións Relacionadas