Tamén se solicita a cooperación da Deputación para os gastos derivados do persoal técnico de igualdade e de turismo.
Na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse que o Concello concorrerá a tres convocatorias de subvencións da Deputación Provincial da Coruña para o cofinanciamento de programas e servizos de competencia municipal.
Un deles é o dirixido a cooperar coas entidades locais no financiamento dos servizos sociais comunitarios. O Concello pretende acollerse a dúas liñas de axudas relacionadas co cofinanciamento dos gastos de parte do persoal administrativo e técnico adscrito a ese departamento e, tamén, do servizo de axuda no fogar por libre concorrencia. A contía da achega solicitada ascende a un total de 185.000 euros.
As outras dúas convocatorias de axudas teñen por finalidade a cooperación cos gastos derivados da contratación de persoal técnico de dous departamentos municipais ao longo do ano 2025. Por unha banda, a técnico de igualdade, con funcións centradas na programación, planificación, intervención e realización de proxectos sobre a promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e a prevención da violencia de xénero. Por outro lado, a técnico de turismo que estará ao cargo da oficina municipal de información turística e á que tamén se encomendará a creación dun plan de dinamización turística e posta en valor dos recursos patrimoniais do concello da Laracha.
Salientar, por último, a concesión dunha licencia urbanística para a construción dunha vivenda unifamiliar no núcleo de Gabenlle da parroquia de Torás.