HomeA CoruñaO Concello confirma a visita dos Reis Magos á Pobra para vivir...

O Concello confirma a visita dos Reis Magos á Pobra para vivir a xornada “máis máxica do ano”

- Anuncio -spot_img

· A concelleira de Servizos Municipais, Estefanía Ramos, presentou o programa, que incluirá actividade tanto pola mañá como pola tarde.

Os Reis Magos confirmaron a súa visita anual á Pobra. Tal e como adiantou a concelleira de Servizos Municipais, Estefanía Ramos, será o luns, 5 de xaneiro, “e as Súas Maxestades de Oriente estarán connosco ao longo de todo o día nunha xornada máxica para maiores e pequenos”. Así, pola mañá, os monarcas farán un percorrido polas distintas parroquias en descapotable e pola tarde tomarán na tradicional Cabalgata e na ofrenda e recepción real.

Ese día, o percorrido matinal comezará ás 10.30 horas desde a aldea da Tomada para visitar as distintas parroquias e lugares do termo municipal. Esta ruta retransmitirase vía streaming a través da canle de Facebook do Concello da Pobra de Caramiñal. Ademais, ás 12.30 horas os Reis Magos desprazaranse á Residencia de Maiores da Pobra.

Pola tarde, a Cabalgata polo centro da vila dará comezo ás 17.00 horas. Neste caso, as Súas Maxestades partirán desde o peirao comercial (estación de autobuses) e pasarán polas rúas Díaz de Rábago, da Paz e Gasset ata chegar á liña de meta: o pavillón da rúa Venecia. O tour real estará amenizado pola música dos grupos Troula co séquito do carteiro real, Barafunda Animación e Fanfarria Furruxa.

A instalación municipal acollerá, ás 18.00 horas, a ofrenda ao neno Xesús, o discurso dos monarcas e a posterior recepción, momento no que os máis pequenos e pequenas poderán facerlles as súas peticións aos Reis Magos. Esta parte da xornada estará amenizada pola música dun dj e haberá tamén reparto de roscón para as persoas asistentes.

Coordinación

Durante a súa intervención, a edil incidiu na importancia do “traballo coordinado entre o persoal dos servizos de emerxencia, da policía local e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, así como do resto de persoas voluntarias que intervirán na xornada”. Ramos deu as grazas tamén á Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Caramiñas, que “ceden os traxes de todos os paxes, do séquito e comitiva real”. A concelleira de Servizos Municipais concluíu animando a toda a cidadanía a saír “á rúa e vivir este día con ilusión”.

A previsión é que, ao longo da actividade se repartan uns 1.200 kg de caramelos sen glute.

Publicacións Relacionadas