Inés Rey: “Neste día celebramos o pasado, pero tamén escribimos o futuro, no que seguiremos apostando pola ciencia, pola educación e por unha Coruña con ambición e coñecemento”
Nenos e nenas deixaron nunha cápsula do tempo que se abrirá en dez anos como esperan que evolucione a ciencia nese tempo
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este venres o acto conmemorativo polo 40 aniversario da apertura da Casa das Ciencias, o primeiro dos Museos Científicos Coruñeses. “Neste día celebramos o pasado, pero tamén escribimos o futuro, no que seguiremos apostando pola ciencia, pola educación e por unha Coruña con ambición e coñecemento”, sinalou a rexedora.
O acto celebrouse no exterior da Casa das Ciencias e nel participaron tamén o director dos Museos Científicos Coruñeses, Marcos Pérez Maldonado, persoas que traballaban no museo cando abriu as súas portas (Elena Rilo, Suso Prado, José Antonio Pérez e Ramón Núñez, próximo Fillo Predilecto da cidade), o presidente da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias, Julio Casal, catro mulleres científicas (Cristina Naya, Blanca Fernández, Hervilia Seco e Socorro Castro) e nenos e nenas de 6º de Primaria do CEIP Rosalía de Castro, en representación do alumnado coruñés.
Durante o acto, os nenos e nenas participantes puideron encher unhas fichas que, posteriormente, introduciron nunha cápsula do tempo, que será aberta por esas mesmas persoas na celebración do 50 aniversario, no 2035. Nestas fichas explicaron como esperan que evolucione a ciencia e a humanidade no próximo decenio. Ademais, tamén tomaron a palabra durante o acto Socorro Castro, Blanca Fernández, Cristina Naya e Hervilia Seco, que desenvolven profesións vinculadas á ciencia e explicaron ao alumnado presente a importancia das distintas disciplinas científicas, o papel da muller nelas e os avances por vir.
“Durante moito tempo, as mulleres tiveron que loitar por ocupar o lugar que lles correspondía nos laboratorios, nas universidades e nos equipos de investigación. Hoxe celebramos tamén que cada vez hai máis nenas que soñan con ser científicas, e máis mulleres liderando proxectos, descubrimentos e equipos”, sinalou Inés Rey.
Inés Rey quixo amosar o seu agradecemento en nome do Concello e da cidade a todas as persoas que fixeron e fan posible o día a día da Casa das Ciencias, que nestes 40 anos recibiu a máis de 4,3 millóns de visitantes. “A ciencia é unha ferramenta esencial para mellorar as nosas vidas, comprender o mundo que nos rodea e tomar decisións fundamentadas”, engadiu Rey.
A Casa das Ciencias, que conserva desde a súa apertura o péndulo de Foucault e o proxector orixinal do planetario, é un museo interactivo no que conviven diferentes espazos e obxectos de gran valor, como paneis solares do telescopio espacial Hubble, restos dunha sonda soviética, un fósil de hai 65 millóns de anos ou un meteorito similar ao que extinguiu os dinosauros. Este domingo, 1 de xuño, cumpliranse 40 anos da súa apertura ao público en 1985.
Sesión especial no planetario pola tarde
Por outra banda, a Casa das Ciencias acolle esta tarde de venres unha sesión especial do planetario en directo para conmemorar este 40 aniversario. A sesión consiste nun breve repaso aos principais fitos astronómicos destes últimos catro decenios, acompañado da proxección do ceo na cúpula do planetario.