HomeA CoruñaO Concello conmemora o Día da Árbore no parque de San Diego...

O Concello conmemora o Día da Árbore no parque de San Diego plantando 40 novos exemplares co alumnado do Sal Lence

- Anuncio -spot_img

Medio centenar de rapazas e rapaces participaron no acto de hoxe, no que a alcaldesa, Inés Rey, acompañou as nenas e nenos nas tarefas sobre o terreo

O parque de San Diego, pulmón verde e un dos principais símbolos da cidade en materia medioambiental, acolleu hoxe os actos programados polo Concello para conmemorar o Día da Árbore, unha efeméride protagonizada por medio cento de alumnas e alumnos do CEIP Sal Lence, que participaron nos traballos iniciais para plantar 40 novos exemplares de árbores no parque.

As nenas e nenos estiveron acompañados pola alcaldesa, Inés Rey, a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, e polo concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, que gabaron o seu compromiso e implicación “cunha iniciativa que non só é fundamental en clave educativa, senón tamén para lle amosar a importancia de apostar pola rexeneración ecolóxica das urbes ao conxunto da cidadanía”, tal e como indicou a rexedora.

Neste proceso de rexeneración, e co obxectivo de facer fronte ao impacto do cambio climático, o incremento da masa de árbores na paisaxe urbana é vital. No caso de San Diego, o parque presenta unha proporción equilibrada entre zonas de sombra e sol, mais tamén se valorou a densidade existente e os espazos axardinados con marxe de proveito.

Por iso, e despois de que os servizos municipais estudasen previamente as especies máis adecuadas para a nova plantación, este luns iniciouse o proceso da man das pequenas e pequenos do colexio, situado moi preto do parque, no barrio dos Castros. As/os nenas/os colaboraron nas tarefas de apertura dos foxos, achega de fertilizante e disposición dos novos exemplares.

Tal e como precisou a alcaldesa na visita desta mañá ao parque, a elección das especies fíxose pensando no seu encaixe para coas necesidades de San Diego, que agora contará con dúas novas milgrandeiras, cinco rododendros, catro cerdeiras, tres nogueiras, dous pexegueiros, unha ameixeira, cinco caquis, sete piñeiros da Illa de Norfolk, unha vide, seis camelias e tres cipreses dos pantanos.

Publicacións Relacionadas