A Consellería do Medio Rural cofinancia os gastos e tamén cede un tractor con desbrozadora de arrastre para actuacións de prevención.
O Concello reforzará durante o verán o labor que se desenvolve na prevención e loita contra os incendios forestais coa contratación, por un período de tres meses, dunha brigada municipal composta por cinco efectivos: un xefe de brigada, un peón condutor e tres peóns.
O anuncio da oferta de emprego será publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP) ao longo desta semana, abríndose a continuación o prazo para que todas as persoas interesadas poidan anotarse e participar no procedemento de selección do persoal. As bases especificarán os requisitos que deben cumprir os aspirantes, as retribucións e tamén o sistema selectivo, que será o concurso oposición libre cun procedemento áxil que respectará os principios de igualdade, mérito, capacidade, publicidade, transparencia, obxectividade, eficacia, eficiencia e axilidade.
A iniciativa forma parte da campaña municipal contra incendios que se leva a cabo cada ano para reforzar a seguridade e minimizar os riscos asociados aos lumes forestais.
Na Laracha destínanse aproximadamente 200.000 euros anuais á prevención de incendios, incluíndo nesa cifra a contratación de brigadistas, o material e tamén a campaña municipal de desbroce que agora se inicia. A Consellería do Medio Rural cofinancia ditos gastos, e neste ano tamén cede ao Concello un tractor con desbrozadora de arrastre para servizos de prevención de incendios.
O Concello reafirma así o seu compromiso coa protección do medio ambiente, a seguridade cidadá e a loita activa contra os incendios forestais, centrando os esforzos na temporada estival por tratarse do momento de maior risco do ano.

