HomeA CoruñaO Concello convoca unha reunión informativa cos aloxamentos de Compostela sobre a...

O Concello convoca unha reunión informativa cos aloxamentos de Compostela sobre a autoliquidación do imposto ás estadías turísticas

- Anuncio -spot_img

O Concello convoca os hoteis, hostais, pensións, albergues, campings e VUT’s que operan no territorio do Concello de Santiago de Compostela o vindeiro luns para informar sobre o procedemento que deben realizar para presentar a autoliquidación e o ingreso da recarga do imposto autonómico sobre estadías turísticas. O primeiro período para realizar as autoliquidacións será do 1 ao 20 de xaneiro do 2026.

A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, e o concelleiro de Facenda, Manuel César, participarán o vindeiro luns na reunión informativa con responsables de aloxamentos turísticos para explicar o trámite administrativo para realizar as autoliquidacións correspondentes ao primeiro período de recadación do imposto ás estadías turísticas. A xuntanza terá lugar o luns 22 de decembro, ás 17h, no Edificio Cersia.

Cabe lembrar que a ordenanza fiscal que regula a recarga municipal sobre este imposto foi aprobada en sesión plenaria o pasado mes de xullo e entrou en vigor o 1 de outubro, atendendo á solicitude do sector hoteleiro para que o impostos comezase a aplicarse despois dos meses de verán.

Tal e como xa explicaran Míriam Louzao e Manuel César na anterior xuntanza, desde o Concello simplificouse todo o posible a entrega de documentación por parte dos establecementos, de xeito que os establecementos só teñan que efectuar a autoliquidación online cada seis meses e custodiar durante catro anos a documentación relativa a exencións de pagamento e os rexistros de número de hóspedes, por exemplo.

A xuntanza do vindeiro luns, ademais de servir para explicar de xeito práctico o trámite que os establecementos terán que facer a través da Sede Electrónica do Concello, tamén se enmarca no proceso de contraste e diálogo constante que a Concellaría de Turismo está mantendo co sector ao longo de todo o proceso de implantación do imposto ás estadías turísticas.

Publicacións Relacionadas