HomeA CoruñaO Concello dá luz verde á execución da sentenza que recupera as...

O Concello dá luz verde á execución da sentenza que recupera as esculturas do Mestre Mateo espoliadas durante a ditadura

- Anuncio -spot_img

A portavoz do Goberno local, Míriam Louzao, compareceu en rolda de prensa para dar conta dos principais asuntos aprobados na Xunta de Goberno desde luns, entre eles a redacción do proxecto para o novo parque de bombeiros da Pulleira

A portavoz do Goberno local, Míriam Louzao, compareceu en rolda de prensa para dar conta dos principais asuntos aprobados na Xunta de Goberno

Míriam Louzao destacou, entre os asuntos xudiciais, a aprobación do acordo ao que se chegou coa representación procesual da familia Franco para a execución da sentenza emitida polo Tribunal Supremo o 18 de xuño de 2025, segundo a cal o Concello recupera as esculturas do Mestre Mateo espoliadas durante a ditadura.

En virtude deste acordo, a familia Franco corre cos gastos do traslado das estatuas que se atopan no Pazo de Meirás (4.350,77 €), unha vez que a súa representación comunicou o 8 de xullo a súa vontade de cumprir voluntaria e totalmente coa sentenza ditada polo Tribunal Supremo. “Tal como xa se anunciou, a previsión é que o día 11 poidamos xa ter a esculturas en Compostela, unha vez que xa foi autorizado o seu traslado pola Dirección Xeral de Patrimonio”, sinalou a portavoz municipal.

Novo parque de bombeiros

A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe o expediente de contratación do servizo de redacción do proxecto e dirección facultativa para o novo parque de bombeiros da Pulleira. O contrato contará cun orzamento base de licitación de 202.585,97 euros, IVE incluído, e un prazo de execución de 33 meses, xa que estará vixente ata o remate das obras. No relativo á redacción do proxecto, o prazo de presentación será de tres meses.

O obxecto do contrato é a redacción do proxecto da obra do parque de bombeiros, así como a dirección facultativa da primeira fase da obra, que deberá permitir o traslado inmediato do servizo de Extinción de Incendios e Salvamento desde a súa sede actual. O novo parque contará con zonas de administración, aloxamento e aparcadoiro de vehículos de emerxencia, e o proxecto contemplará tamén a urbanización mínima da parcela coa resolución da saída e manobra de vehículos e a conexión a servizos dende a rúa Cruceiro da Coruña.

Segundo o anteproxecto inicial, que agora se desenvolverá a partir desta licitación, o novo parque mellorará sensiblemente xa non só as instalacións actuais, senón tamén as que estaban previstas na estrutura de Salgueiriños destinada inicialmente a parque comarcal de bombeiros. Así, haberá máis aparcamento para os vehículos de intervención, máis dormitorios para os bombeiros, ou máis espazo para as prácticas e as maniobras dos efectivos. A localización da parcela tamén ofrece mellores conexións, tanto coa cidade como con outras infraestruturas como a AP-9 ou a A-54, unha cuestión importante pensando tamén na comarcalización do servizo.

Míriam Louzao detallou que “está concibido para albergar o servizo comarcal de bombeiros para o que se estiveron negociando os acordos necesarios coa Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e o Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña” e engadiu que este último organismo enviou a semana pasada o resultado da súa revisión do texto do convenio co fin de que agora sexa tamén contrastado cos servizos técnicos municipais.

Ampliación da rede de saneamento

Igualmente, aprobouse a licitación das obras de ampliación da rede de saneamento no sector leste do lugar de Formarís (A Enfesta), incluídas no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (plan único de concellos) POS+ 2025. O orzamento base é de 263.039,50 € (IVE incluído).

Esta obra daralles servizo ás vivendas da Sionlla de Abaixo e Formarís, para conectalas á rede existente na Sionlla de Arriba, implantando 840 metros de tubaxes e unha estación de bombeo para o ámbito norte, na Sionlla de Abaixo, que está situado nunha cota máis baixa.

Licenzas

Na última sesión ordinaria do mes de novembro, a Xunta de Goberno outorgou licenza urbanística ao seguintes proxectos:

• Segregación dunha parcela na Castiñeira Grande, 4, na parroquia da Sabugueira.

• Obras de ampliación cun novo depósito soterrado da estación de servizo situada na rúa de Castela e León, 5, no parque empresarial da Sionlla.

• Rehabilitación integral dunha vivenda unifamiliar na rúa de Sar, 92.

• Mellora enerxética e de accesibilidade do edificio situado na Calzada de San Pedro, 13.

• Legalización de obras en dúas vivendas unifamiliares arrimadas na rúa da Vesada, 24.

• Acondicionamento dun local para dedicalo a vivenda na rúa de Tras do Pilar, 8 baixo.

Outros asuntos

Entre os puntos relativos á contratación adxudicouxe a subministración de licenzas Enterprise Agreement For Small Local Government a ESRI España Soluciones Geoespaciales, S.L., que presentou unha oferta de 139.205,68 € (IVE incluído). Este contrato, que soporta o funcionamento do Xeoportal, terá unha vixencia de tres anos.

Autorizouse tamén o inicio dos trámites para recibir as obras do paso peonil da rúa dos Loureiros e da segunda fase da ampliación da plataforma do viario entre a Cañoteira e o Outeiro de Marrozos.

No tocante a subvencións, a Xunta de Goberno deulle o seu visto e prace á xustificación de dous convenios: o asinado coa Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais, cunha contía de 5.000 euros; e coa Asociación Cultural da Cidade Vella, por un importe de 20.000 euros.

A Xunta de Goberno aprobou tamén a adxudicación dos premios EducaCompostela, que se entregan na tarde deste luns no Pazo de Raxoi:

• Primeiro premio, cunha dotación de 1200 €, ao traballo titulado “O patrimonio de Sabugueira” presentado polo CEIP Mestre Rodríguez Xixirei.

• Segundo premio, dotado con 900 €, ao traballo titulado ”O voo 2316 química forense na aula”, presentado por María González Iglesias, do IES Politécnico de Vigo (Pontevedra).

• Terceiro premio, dotado con 600 €, ao traballo titulado “A viaxe, cando escapar non é un xogo”, presentado pola Asemblea de Cooperación pola Paz (Santiago de Compostela).

Así mesmo, Míriam Louzao mencionou a aprobación do expediente para contratar as obras para a adecuación do local para o Centro Sociocultural e de Maiores no Ensanche, do que deu conta en rolda de prensa a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas. O orzamento base de licitación é de 1.655.191,83 euros.

Publicacións Relacionadas