As inscricións estarán abertas na Casa da Cultura ata o 27 de febreiro
O Concello de Brión abre inscricións no seu Concurso de Disfraces de Entroido, que repartirá máis de 2.500 euros en premios e terá lugar o domingo 2 de marzo, o que supón unha semana antes ca en edicións anteriores. O prazo de anotación está aberto ata o 27 de febreiro, ben en persoa na Casa da Cultura de Brión (de luns a venres, en horario de 9:00 a 15:00 horas) ben a través dun correo electrónico enviado a cultura@concellodebrion.gal.
Todos os participantes no concurso terán a obriga de participar no desfile de Entroido, que sairá ás 16:30 horas do pavillón polideportivo municipal para percorrer o Paseo de Pedrouzos e a rúa Tarrío ata o Parque de Lamiño, baixo cuxa carpa terá lugar o concurso de disfraces. Os dorsais poderán recollerse entre as 15:00 e as 16:15 horas na Carballeira de Santa Minia. Os participantes estarán acompañados pola música da charanga Os Celtas. Unha vez finalizado o concurso, o Grupo Ritmo amenizará o baile de disfraces, que se prolongará ata ben entrado o serán.
Categorías
As bases do concurso, que se poden consultar na web municipal (www.concellodebrion.gal), establecen seis categorías que se repartirán 2.550 euros en premios. Na Categoría Infantil (ata 11 anos) e na Categoría Xuvenil (de 12 a 17 anos) entregaranse tres vales canxeables por libros, xogos ou material escolar. Na Categoría de Adultos (maiores de 18 anos) haberá dúas modalidades: individual, con tres premios de 100, 75 e 50 euros; e parellas, con premios de 150, 125 e 100 euros. Na Categoría de Grupos (de 3 a 9 persoas) haberá catro premios de 200, 175, 150 e 125 euros. Finalmente, na Categoría de Comparsas (10 ou máis persoas) concederanse catro galardóns de 300, 250, 200 e 150 euros.
O xurado valorará a creatividade e orixinalidade, a calidade do traballo dos disfraces e dos complementos e a súa laboriosidade, a caracterización dos seus compoñentes así como a posta en escena durante o desfile. Tamén se valorará o lucimento do traxe e a representación no espazo habilitado no parque de Lamiño.