HomeA CoruñaO Concello de Brión adianta a compra dun novo espallador de sal...

O Concello de Brión adianta a compra dun novo espallador de sal diante da baixada de temperaturas dos últimos días

- Anuncio -spot_img

O alcalde agradece a colaboración dos veciños e veciñas que durante esta primeira semana de 2021 colaboraron cos seus tractores a espallar sal, así como a doazón de sal realizada por empresas do municipio
O Concello de Brión vén de adquirir un novo e moderno espallador de sal para combater as baixas temperaturas rexistradas desde principios de ano, agravadas nestes días coa chegada da borrasca Filomena, e que están a causar problemas de circulación polas estradas do municipio, sobre todo coas xeadas a primeira hora da mañá. Un novo espallador de sal que xa se puxo en funcionamento na madrugada de hoxe sábado.
O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, explica que “no Concello xa contabamos cun espallador de sal de menor tamaño e tiñamos previsto comprar este novo no borrador dos
orzamentos de 2021. Porén, diante das fortes xeadas que estamos a sufrir estes días, e diante da previsión da chegada da borrasca Filomena, decidimos axilizar os trámites e adquirir xa este novo espallador, que é máis grande e moderno co que xa tiñamos, para que poda entrar en servizo de inmediato”.
O novo espallador de sal reforza así a maquinaria dispoñible no Departamento de Obras, que poderá traballar así en dúas frontes ao mesmo tempo. Así mesmo, Pablo Lago amosa “o noso máis sincero agradecemento aos veciños e veciñas de Brión que cos seus tractores nos axudaron nestes días a espallar sal e a retirar varios vehículos que se botaran fora da estrada por mor das placas de xeo. Ademais, agradecemos tamén a xenerosidade de varios empresarios de Brión que doaron unha importante cantidade de sacos de sal, nun tempo no que é un artigo difícil de atopar. Novamente, a veciñanza de Brión demostra por que somos un gran concello”.

Publicacións Relacionadas