HomeA CoruñaO Concello de Camariñas destina o seu remanente ao pago de provedores...

O Concello de Camariñas destina o seu remanente ao pago de provedores e resolve unha sentenza histórica grazas á súa boa saúde económica

- Anuncio -spot_img

· A sesión plenaria extraordinaria desta tarde aborda o uso do remanente de 480.985 euros para liquidar facturas pendentes de autónomos e empresas locais

· Proporase tamén destinar case 50.000 euros dos aforros municipais á amortización anticipada de débeda, demostrando o compromiso coa saúde financeira do Concello

· O goberno local acode ao Fondo de Impulso Económico para facer fronte a unha expropiación de preto de 385.000 euros sen comprometer os servizos diarios nin os investimentos para a veciñanza.

O Concello de Camariñas celebra hoxe, luns 23 de marzo, ás 19:30 horas, un pleno extraordinario no que o obxectivo principal da orde do día é a aprobación de diversas modificacións orzamentarias que permitirán abonar o traballo de ducias de provedores, apoiándose na solvencia financeira lograda polo goberno local. A xestión municipal permitiu pechar a liquidación do exercicio 2025 cun remanente de tesourería para gastos xerais de 480.985,18 euros.

A dispoñibilidade destes aforros ponse agora a traballar para cumprir coas obrigas do Concello. A alcaldesa de Camariñas destaca que “o diñeiro existe, está na caixa do Concello e non estamos a gastar o que non temos, senón a utilizar o que aforramos con boa xestión no pasado “.

A sesión aborda a aprobación dun suplemento de crédito de 208.395,54 euros e a creación dun crédito extraordinario para dotar de fondos ás partidas que carecían de saldo suficiente para pagar facturas do exercicio 2025. Trátase de gastos que foron imprescindibles e urxentes para manter o funcionamento dos servizos municipais.

Ademais, sométese a validación o recoñecemento extraxudicial de 111 facturas, por un valor total de 187.629,75 euros, relativas a servizos, obras e subministracións realizados antes do 2026. A maioría destas contas quedaron na chamada “conta 413” porque os provedores as presentaron nos últimos días de decembro, imposibilitando a súa tramitación nese ano. A aprobación deste punto é vital para cumprir co período legal de pago e garantir que os autónomos e empresas cobren polo seu traballo, evitando un enriquecemento inxusto por parte da administración.

Como proba da responsabilidade coa estabilidade financeira, o Concello tamén destinará 49.496,51 euros do seu superávit á amortización anticipada de débeda pendente.

Solución viable a unha sentenza xudicial

Os dous últimos puntos da orde do día están destinados a dar cumprimento a unha sentenza xudicial firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que obriga ao Concello ao pago de 384.792,68 euros á sociedade FLAT4U PROMOTORES S.L. en concepto de xustiprezo por unha expropiación.

Para afrontar esta elevada contía sen desestabilizar as contas, a Corporación votará a adhesión ao Fondo de Impulso Económico do Estado, formalizando un préstamo cuxo prazo remata o vindeiro 25 de marzo. Esta estratexia permitirá fraccionar o impacto no tempo (o préstamo comezará a devolverse en 2027) e garantirá que o pago da sentenza non afecte á liquidez diaria do Concello, ás axudas sociais ou ás obras nas parroquias. Posteriormente, aprobarase a incorporación deste crédito ao orzamento municipal para liquidar a expropiación.

Publicacións Relacionadas