O Concello de Carballo continúa avanzando na mellora das infraestruturas hidráulicas da parroquia de Rus con dous proxectos destinados a reforzar tanto a rede de abastecemento de auga como o sistema de saneamento. Trátase de actuacións que permitirán mellorar a calidade dos servizos básicos e avanzar na protección ambiental do municipio.
Visita ás obras de ampliación da rede de abastecemento
As obras de mellora e ampliación da rede de abastecemento de auga na parroquia de Rus atópanse actualmente en execución. Esta semana, o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, acompañado polos concelleiros de Obras e Servizos, Luis Lamas e Miguel Vales, comprobou sobre o terreo o avance dos traballos.
O proxecto ten como obxectivo ampliar a rede municipal de abastecemento para garantir o acceso á auga potable en varios núcleos da parroquia que aínda non contaban cun servizo completo ou presentaban problemas de presión. As actuacións benefician directamente aos lugares de O Pereiro, O Val, A Vixoteira, Nogareda, A Canosa, Liñares, Ramil, Braña de Abaixo, Braña de Arriba, Casal de Perros, Outeiro, Outeiro de Arriba e Outeiro de Abaixo.
As obras inclúen a instalación de novas conducións, arquetas e válvulas de control, así como a execución das gabias necesarias para a colocación das tubaxes e a posterior reposición dos pavimentos. Ademais, prevese a instalación de grupos de presión en puntos estratéxicos para garantir unha presión adecuada na rede e mellorar o funcionamento do sistema.
Tamén se incorporarán sistemas de medición e telecontrol que permitirán optimizar a xestión da rede e detectar posibles incidencias con maior rapidez.
Novo proxecto de saneamento na Canosa, en licitación
De forma paralela, o Concello de Carballo ten en marcha o proceso de contratación dun novo proxecto de ampliación da rede de saneamento no lugar da Canosa, tamén na parroquia de Rus.
Esta actuación permitirá resolver a situación actual dun tramo da rede que verte directamente ao río Grande mediante unha rede unitaria. O proxecto prevé a construción dunha nova rede separativa para as augas residuais e a instalación dunha estación de bombeo que permitirá impulsalas ata a rede existente, que conduce as augas á depuradora de Noví.
Deste xeito eliminarase o punto de vertido actual e mellorarase a protección ambiental da contorna.
A obra atópase actualmente en fase de licitación e as empresas interesadas teñen de prazo ata o 23 de marzo para presentar as súas ofertas.
Mellora continua das infraestruturas municipais
Con estas actuacións, o Concello de Carballo continúa reforzando as infraestruturas básicas do municipio, ampliando a cobertura dos servizos públicos e garantindo unha xestión máis eficiente e sostible da auga na parroquia de Rus.
De ámbolos dous proxectos falouse esta semana tamén na xuntanza do consello parroquial, no que por parte da veciñanza establecéronse as próximas actuacións prioritarias: a construción dunha senda peonil desde A Canosa ata a igrexa, unha demanda que se trasladará á Deputación da Coruña, titular da vía, e a posta en valor do lugar de Ferrol, unha proposta na que o goberno municipal coincide plenamente e na que se empezará a traballar a curto prazo.



