• O mercado municipal acollerá unha nova campaña “Mantén a tensión baixo control” os días 7 e 9 de abril
• O centro de saúde súmase con “Coida da túa saúde”, un ciclo de obradoiros sobre alimentación saudable
Cun enfoque preventivo e co obxectivo de fomentar hábitos de vida saudables, Carballo celebra o Día Mundial da Saúde cunha dobre acción dirixida a toda a veciñanza. A estratexia combina a atención directa na rúa coa formación especializada de mans de profesionais da nutrición.
Campaña “Mantén a tensión baixo control”
Tras o éxito acadado o ano pasado, o Concello retoma o proxecto Mantén a tensión baixo control, que nesta ocasión levarase a cabo no mercado municipal. Un equipo de profesionais facilitará a medición de tensión e azucre nas seguintes datas.
• Martes, 7 de abril: de 10.00 a 12.00 h e de 16.30 a 18.30 h.
• Xoves, 9 de abril: de 10.00 a 13.00 h.
Na campaña anterior repartíronse cadernos que inclúen información práctica sobre a hipertensión e a diabetes, así como espazo para que poidan anotarse os resultados dos controis que vaian facendo ao longo de todo o ano. Recoméndase a aquelas persoas que xa conten cunha libreta de anotacións de medicións anteriores que a leven consigo para facilitar un seguimento máis preciso por parte dos técnicos.
Ciclo formativo “Coida da túa saúde”
Como complemento esencial á prevención, o servizo de dietista-nutricionista do Centro de saúde de Carballo, que depende a Área Sanitaria da Coruña e Cee, coa colaboración do Concello, organiza o programa Coida da túa saúde. O ciclo consta de tres obradoiros:
1. 10 de abril: Peso saudable: aprende a elixir o que che senta ben (sen pasar fame).
2. 17 de abril: Alimentación en diabetes no día a día.
3. 24 de abril: O ABC da alimentación cardiovascular.
As sesións terán lugar os venres, de 12.20 a 13.30 h. O punto de encontro das persoas participantes será a entrada do centro de saúde (posto da ONCE). A inscrición previa debe formalizarse no mostrador do propio centro.
Unha aposta pola prevención
“A prevención é a mellor ferramenta para unha vida saudable”, sinala a concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, Maica Ures. Con estas accións, non só se pretende detectar posibles factores de risco de xeito precoz, senón tamén dotar a veciñanza das ferramentas necesarias para xestionar a súa propia saúde a través da alimentación.



