HomeA CoruñaO Concello de Carballo executa as obras de urbanización da parcela cedida...

O Concello de Carballo executa as obras de urbanización da parcela cedida á Xunta de Galicia para ampliar o centro de saúde

- Anuncio -spot_img

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Planificación, Juan Seoane, visitaron hoxe as obras de urbanización da parcela que albergará a ampliación do centro de saúde. Os traballos, que executa a empresa Gestal y López cun orzamento de 243.759 euros, consisten na apertura dunha nova vía que conectará a rúa Médico Mariño coa avenida do Ambulatorio. O prazo de execución é de sete meses.

A rúa será de plataforma única para fomentar a mobilidade accesible e disporá de todos os servizos urbanísticos: redes de abastecemento de auga, saneamento, pluviais, eléctricas de media e baixa tensión e telecomunicacións. O carril de circulación será de formigón e nas beirarrúas empregarase pavimento de baldosa de terrazo en dúas cores. A obra completarase coa sinalización horizontal e vertical, a instalación de mobiliario urbano (papeleiras, bancos, aparcabicis) e a xardinería. En concreto está previsto plantar 15 árbores.

O Concello de Carballo segue avanzando na tramitación para a cesión á Xunta de Galicia dos terreos escollidos pola Consellería de Sanidade para a ampliación do actual centro de saúde e a súa conversión nun CIS (Centro Integral de Saúde).

As obras do CIS implican a transmisión en pleno dominio á Consellería de Sanidade dos terreos que albergarán o edificio, así como das vías que a circundan e a súa urbanización por parte do concello de Carballo en virtude do protocolo de actuación asinado o 21 de decembro de 2022. Os terreos polos que descorrerán as futuras vías pertencen ao Concello de Carballo en virtude dun convenio urbanístico de xestión asinado entre esta Administración e o seu anterior propietario que foi aprobado e ratificado o 23 de outubro de 2023 e publicado no DOG núm. 224 de 24 de novembro de 2023.

Publicacións Relacionadas