O Concello de Carballo vén de realizar un investimento de 111.383,40 euros na renovación das pasarelas de madeira a través das cales se realizan os accesos ás praias de Razo e Pedra do Sal, así coma aos postos de salvamento e socorrismo ou, no primeiro caso, tamén á bibliopraia e ao miradoiro. O proxecto incluíu, ademais, a renovación de case cen metros de varandas, e na praia de Razo, ademais, construíuse un novo miradoiro, de 6,50 x 2,50 metros.
O alcalde, Daniel Pérez; o concelleiro de Servizos, Medio Ambiente, Praias e Protección Civil, Miguel Vales; o de Planificación e Mobilidade, Juan Seoane, e o de Deportes, Mocidade e Captación de Recursos Públicos, Daniel Barreiro, realizaron un percorrido polas novas pasarelas, instaladas pola empresa Jardinería Arce, que teñen entre dous e tres metros de ancho, e son de pino tratado en autoclave. En total colocáronse 650 metros.
Como novidade, nas dúas praias tamén se estrearán o próximo verán pasarelas accesibles enrolables, tamén de madeira, que ofrecen flexibilidade, adaptabilidade ao terreo irregular e facilidade de uso, ademais de proporcionar un acceso seguro e cómodo, e de ser fáciles de instalar e de almacenar.
De cara á temporada estival tamén está previsto realizar o acondicionamento dun novo aparcadoiro de 5.162 metros cadrados no ámbito delimitado con esa finalidade no Plan especial de protección, infraestruturas e dotación en Arnados-Razo. O proxecto inclúe, ademais, o acondicionamento das vías circundantes, para mellorar o servizo a residentes e visitantes. Nestes momentos está en marcha o proceso de consecución dos terreos.
Demarcación de Costas
As obras que realiza o Concello de Carballo coinciden coas que está levando a cabo tamén o Ministerio para a transición ecolóxica e o reto demográfico, a través da Demarcación de Costas, para frear a erosión dos noiros, por unha banda, e mellorar a calidade ambiental do espazo natural de Razo-Baldaio, pola outra.
Despois do Nadal está previsto que arrinquen os traballos de estabilización dos noiros da praia de Razo, que suporán un investimento de 1,4 millóns de euros. O proxecto prevé actuacións en catro puntos do borde litoral, nas que se utilizarán diferentes sistemas de consolidación en función das características e das necesidades de cada ámbito. Pero tamén se inclúen outro tipo de actuacións, como o retranqueo da estrada que discorre pegada á costa e dun treito do actual paseo peonil de madeira, ou a redución da presión sobre o litoral mediante a eliminación de varias zonas de aparcadoiro.
A Administración do Estado xa está realizando estes días outro tipo de intervencións. Despois da eliminación da antiga pista polideportiva de Razo, a Demarcación de Costas está a crear novas zonas de tránsito para viandantes, delimitadas, para evitar agresións a un espazo medioambiental especialmente sensible. Nestes momentos xa é posible camiñar desde a explanada de Razo ata Baldaio a través dunha zona senda.



